A "emoción" dos eurofáns galegos

O mestre sarriao Jesús Somoza asistiu a Eurovisión con tres amigos, experiencia que, segundo afirma, xa non esquecerá
Jesús Somoza (esquerda), xunto aos tres amigos cos que viaxou ao festival en Turín. JSF
photo_camera Jesús Somoza (esquerda), xunto aos tres amigos cos que viaxou ao festival en Turín. JSF

Di Jesús Somoza, mestre sarriao e gran seguidor da verbena galega, que con Eurovisión pasa o mesmo que con San Andrés de Teixido. "Algunha vez hai que ir". A súa oportunidade presentouse nesta última edición do festival, celebrada na cidade italiana de Turín, a onde viaxou con outros tres amigos disposto a gozar do que xa define como "unha das mellores experiencias" da súa vida.

Dende neno, Somoza vía Eurovisión na casa e facía as típicas apostas coa súa nai pero, no 2011, espertou nel un maior interese polo festival. O detonante non foi outro que a participación, representando a España, da súa curmá, a cantante do Incio Lucía Pérez.

Xunto a Martín Aguión (un enxeñeiro agrícola de Melide), Johny Carreira (arquitecto de Arzúa) e Alberto García (enfermeiro da Coruña) propuxéronse facer todo o posible por conseguir as entradas para asistir este ano. O día que saíron á venda, os catro amigos conectaron simultaneamente entre 12 e 15 dispositivos móbiles, pero os billetes voaron. Cando xa daban por perdida a ocasión, un deles soubo dunha segunda venda e, "por milésimas de segundo", comprou as desexadas entradas. "Para asistir a estes sitios non só hai que ter devoción, senón tamén moita sorte", afirma Somoza.

Con menos dun mes de antelación, buscaron o voo e o aloxamento, cadraron os seus traballos e plantáronse en Turín, equipados con tres bandeiras galegas, unha de España e camisetas deseñadas para esta viaxe cos seus nomes, os lugares de procedencia e outras palabras alusivas a Eurovisión.

Jesús Somoza, en Turín. JSF

Ningún dos catro era moi a favor de Chanel, "máis que nada pola letra da canción", concreta o sarriao. O grupo de amigos tiña como favoritas as Tanxugueiras. "E votamos por elas porque nos parecía a mellor proposta", engade.

Malia iso, "si que é certo que de chegados alí e visto como o fixo Chanel, chapeau por ela", di. "Sorprendeunos moitísimo que, a pesar de estar en Italia, as ovacións maiores foron para España. Houbo tal rebumbio de abouxos a Italia cando non deu puntuación ningunha a España que parecía surrealista", conta Somoza.

Segundo concreta, os catro amigos non estiveron na gala do sábado, pero si na do venres, que se coñece como Jury Final. "É o mesmo, dende o principio ata o remate. Fano como ensaio xeral ou, por se hai algún apagón mundial ou calquera historia, queda todo gravado. É calcado á do sábado, no mesmo escenario. Aí é cando vota o xurado", explica.

Despois de ver a Chanel nesa actuación, os catro galegos souberon "que algo bo lle ía pasar", sensación que ratificaron ao día seguinte, cando asistiron á final dende a Eurovillage, instalada nesta ocasión na Piazza San Carlo.

Para Jesús Somoza, acudir a este festival foi "con diferenza" unha das mellores experiencias "pola emoción, a sensación e o sentimento de estar alí dentro e vivilo". Aínda sorprendido pola velocidade coa que os técnicos cambiaban o escenario ("en tan só 37 segundos"), o sarriao ten claro que en canto poda volverá a Eurovisión. "Cando unha cousa funciona, por que rexeitala?", pregunta.

Comentarios