Edu Valiña invita á reflexión sobre a cultura rural nunha intervención en Santiago

O soto da galería Patio de Luz acolle a nova proposta expositiva do artista paramés, na que colaboran Yolanda Castaño e Xoán-Xil López
Eduardo Valiña. EP
photo_camera Eduardo Valiña. PEPE FERRÍN

O artista paramés, historiador da arte e xestor cultural Eduardo Valiña amosa ata o vindeiro día 6 no soto da galería Patio de Luz de Santiago a súa nova proposta expositiva, unha intervención creada expresamente para este espazo do casco antigo compostelán na que invita a reflexionar sobre a cultura rural.

Nieblas gallegas (así, en castelán) é o título elixido para a mostra por este galegofalante ao que lle gusta xogar "coa retranca e coa ironía". Quizais tamén por iso unha peza de luz recibe ao visitante coa frase "darlles a herba que lles gusta". Outro elemento lumínico transporta a unha "sala de ordeño" mentres penden do teito botas de goma das que se empregan nas explotacións gandeiras ou unha roda de tractor rebentada.

"Todo ten dobres lecturas e dobres intencións, sobre a cultura rural, sobre o territorio, sobre o que somos no fondo», explica o autor, que ideou esta proposta a modo de "resistencia cara a proxectos que están xurdindo en relación ao rural co pretexto de revitalizar o contexto e que xeralmente se formulan dende a política da subvención". Iniciativas que, moitas veces, nacen coa intención de reactivar o rural pero que, no fondo, "o que se fai é alimentar producións propias que non chegan a ter unha repercusión tan relevante no territorio".

Nesta mostra, na que tamén caben obxectos como os vetillos que se lles poñen aos becerros para que non mamen nas vacas, a néboa funciona como ese elemento "que o envolve todo e que ás veces tapa iso que non se quere ver".

himno galego. O proxecto conta coa colaboración, entre outros, da poeta Yolanda Castaño, que pon voz a unha peza sonora con arranxos do sarriao Xoán-Xil López consistente nunha interpretación en inglés do Himno Galego, "como un berro de protesta".

Esta instalación, na que conviven distintos formatos contemporáneos, nace para "marcar un terreo no que sempre me representei", sinala o autor, que traballa dende hai máis de 20 anos coa identidade, a cultura rural, a paisaxe humana e o territorio.

"Tiña a necesidade de dar esa visión de novo dende dentro, un pouco para que se vira como resistencia a visións que estaban conformando unha imaxe do territorio que non se correspondía coas persoas que habitan eses lugares ou que temos esa relación tan directa coa nosa cultura", afirma.

Edu Valiña, quen traballa na Fundación Granell, foi comisario da Bienal de Arte de Sarria e ten obra na ruta de Fiz Vergara en Samos. Nieblas gallegas é, segundo avanza, parte dun proxecto máis amplo que prevé desenvolver.

Comentarios