Dúas asociacións de Sarria recuperarán unha revista que existiu na vila nos 90

Os colectivos culturais e artísticos Huhú e Teixo teñen aberto ata o día 6 de xuño o prazo de recepción de traballos para o novo número de Macheta
Contraportada do número 1 de Macheta, do ano 1995. EP
photo_camera Contraportada do número 1 de Macheta, do ano 1995. EP

Un proxecto conxunto das asociacións culturais e artísticas Huhú e Teixo permitirá recuperar unha revista que existiu en Sarria na década dos 90 do pasado século e da que se publicaron seis números co nome de Macheta.

Este fanzine "combativo" e "contracultural", en palabras do artista Rubén Santiago, viu a luz no ano 1995 da man de Teixo tras un traballo colectivo a base de fotocopias e pegamento.

Nas súas páxinas, exentas de publicidade, tiñan cabida todo tipo de propostas, dende poesía "irónica" ata preocupacións sociais ou ecoloxismo. A maioría dos seus colaboradores firmaban con pseudónimo e só tres deles eran mulleres, un número moi reducido que os promotores queren que cambie na nova publicación.

O que non mudará é a filosofía coa que foi concibida en orixe, de xeito que estará aberta a todas as persoas que desexen participar e que poden enviar os seus traballos (xa sexa cómic, fotografía, artigos, poemas, ilustracións...) ao correo electrónico [email protected] ou a través das redes sociais de Huhú ata o 6 de xuño.

Nos días seguintes, 7 e 8, farase unha maquetación colectiva do novo número de Macheta nun acto aberto ao público e gratuíto que se celebrará no lugar no que se xestou a revista nos anos 90, nun edificio do bulevar da Rúa da Liberdade, onde se impartían clases de música ou debuxo. Neste inmoble, cuxo baixo está ocupado na actualidade polo supermercado Gadis, poderá verse tamén unha mostra con contidos seleccionados dos exemplares anteriores que moitos veciños aínda conservan.

As asociacións Teixo e Huhú pretenden que a revista se distribúa de xeito gratuíto e que teña continuidade no tempo. A tiraxe deste sétimo número aínda non está definida dado que dependerá do volume de colaboracións que reciban e que, segundo indican, vai a bo ritmo.

Malia a súa recente creación, o colectivo artístico e cultural Huhú ten xa unha intensa actividade. Presentado a finais do mes de abril nun acto celebrado no espazo multidisciplinar O Garaxe de Sarria, toma o seu nome dun popular veciño que faleceu esta mesma semana e para o que teñen un recordo especial por ser unha persoa "querida" e que deixou "a súa marca na comunidade".

A asociación, impulsada por Rubén Santiago, Xosé Lois Gutiérrez e Toño de López, nace coa intención de promover iniciativas en colaboración con outras agrupacións da comarca e organizar o vindeiro ano a Trienal de Sarria.

Comentarios