Dous dos pazos máis singulares do concello do Incio están á venda

A casa dos Quiroga e a de Dompiñor contan con séculos de historia e, entre os elementos de interese, ambas teñen árbores senlleiras
O Pazo dos Quiroga localízase a só uns metros da igrexa románica de San Pedro Fiz do Hospital. FOTOCASA / MORENO
photo_camera O Pazo dos Quiroga localízase a só uns metros da igrexa románica de San Pedro Fiz do Hospital.

O rico patrimonio arquitectónico do Incio componse dunha trintena de casas señoriais, dúas das cales se atopan á venda. Trátase dos pazos de Dompiñor e dos Quiroga, dous dos máis singulares de cantos se asentan neste termo municipal, testemuñas de séculos de historia e rodeados de terreos con árbores senlleiras.

O pazo dos Quiroga -situado a só uns metros da igrexa románica de San Pedro Fiz do Hospital, declarada Ben de Interese Cultural- ofértase por 500.000 euros tanto nun portal de internet como nunha inmobiliaria de Sarria.

A construción data do século XVII, sendo remodelada a finais do XIX para convertela nunha finca de recreo. Nesta casa viviu Benigno Quiroga y López Ballesteros, quen foi ministro de Gobernación durante o reinado de Alfonso XIII, casado con Julia Espín, cantante de ópera que inspirou algunhas das rimas de Bécquer.

A propiedade, con ampla galería e balconada, acolleu tamén durante unha longa tempada ao escritor lucense Ánxel Fole, que escribiu a obra Terra brava.

Segundo recolle a guía do patrimonio do Incio, na fachada principal locen tres brasóns heráldicos do século XIX realizados nunha soa peza. Nos xardíns da casa poden verse dúas tuias traídas por Benigno Quiroga e a súa dona durante unha viaxe a Filipinas. No catálogo de árbores senlleiras de Galicia consta tamén a existencia nesta propiedade dun camecíparis de Lawson (ou falso ciprés).

Na mesma liña, o anuncio de venda alude a estas especies catalogadas e concreta que o pazo dispón de 1.100 metros cadrados de superficie, con sete habitacións e tres baños, rodeado dun xardín e dunha finca anexa de 109.000 metros cadrados, ademais doutros terreos de extensións variables.

A maiores da casa dos Quiroga, outro portal inmobiliario en internet oferta o pazo de Dompiñor, na parroquia de San Pedro do Incio. Neste caso, véndese en 300.000 euros o 24% da finca e da vivenda señorial, para gozar dunha construción con 500 anos de antigüidade en réxime de copropiedade.

Son máis de 2.000 metros cadrados construídos, con 12 habitacións, catro cuartos de baño, cociña con lareira, biblioteca, pombal, casa dos caseiros, piscina e oito hectáreas de terreo con fonte de auga e rodeadas dun muro en case toda a súa extensión, segundo a descrición da venda.

UNHA CAPELA. O pazo de Dompiñor, con varios escudos do século XVII, ten tamén unha capela, a cal aparece na guía do patrimonio do Incio como unha "curiosa" construción de planta semicircular, "semellante ás antigas igrexas norueguesas, coa súa cúpula iluminada por lanterna e no interior un interesante retablo neoclásico con varias imaxes".

O mesmo documento define este pazo, propiedade da familia Gasset, como "o máis singular do Incio", construído a mediados do século XV e reformado no ano 1650 por don Rodrigo Orozco y Losada.

No terreo que o rodea poden verse "especies arbóreas centenerias, entre as que destacan unhas preciosas faias". No catálogo de árbores senlleiras figura tamén un plátano de sombra deste pazo.

A venda destas dúas propiedades do Incio podería ser un atractivo para investidores no sector da hostalaría ou do turismo rural, nun concello no que houbo outro pazo, o de Romariz, onde viviu o matemático Juan Jacobo Durán Loriga, que estivo adicado a esta última actividade e que dende hai tempo ten un uso privado.

Comentarios