Un documental recolle os concertos que deu Abraham Cupeiro no Camiño Francés

O músico sarriao ofreceu no verán seis actuacións en lugares emblemáticos da ruta xacobea
Presentación en Sarria del documental 'Resoando no Camiño'
photo_camera Cupeiro conversa con Garrido e outros membros da Mancomunidade. VILA

Seis puntos emblemáticos do Camiño Francés foron escenario este verán para outros tantos concertos de Abraham Cupeiro. Ao longo de catro días o músico sarriao levou o son dos seus instrumentos antigos a enclaves patrimoniais como o mosteiro da Magdalena de Sarria, a alvariza de Pedro Pardo de Triacastela e as igrexas de Santiago de Arzúa, San Miguel de Monterroso, San Pedro de Melide e San Tirso de Palas de Rei, nunha xira única que agora queda recollida no documental Resoando no Camiño Francés.

Tanto o ciclo de concertos como o posterior documental, producido por Nordesía e Mundoredondo, son unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, que contou para isto cunha axuda da Axencia de Turismo de Galicia dentro dos actos de promoción do Xacobeo.

A estrea tivo lugar este venres na casa da cultura de Sarria, nun acto encabezado por Abraham Cupeiro e polo alcalde, Claudio Garrido, en calidade de presidente da Mancomunidade, e ao que tamén asistiron outros membros desta entidade.

A participación da directora da Axencia de Turismo, Nava Castro, tivo que ser suspendida polo recente falecemento do conselleiro de Facenda, o que motivou as condolencias do rexedor sarriao.

Garrido referiuse a Cupeiro como unha "constelación» na que conflúen as facetas de compositor, intérprete ou recuperador de instrumentos ancestrais e amosouse aberto a fraguar novas colaboracións no futuro.

Pola súa banda, Cupeiro agradeceu a aportunidade brindada para "desenvolverme como ser humano e como artista na miña terra". "Levar esta música polos nosos enclaves patrimoniais encheume o corazón. Necesitamos espazos tan especiais como os que temos aquí para que a música entre nas persoas", afirmou o artista.

Na súa opinión, tocar en sitios como a alvariza recuperada pola fundación Oso Pardo supón en certa maneira "volver ás orixes do ser humano". Cupeiro referiuse tamén ao mosteiro sarriao como "unha sorte de oasis da súa infancia" e asegurou que gardará a experiencia desta xira de concertos "durante moitísimo tempo".

Nela estivo acompañado dos músicos Margarida Mariño, Sabela Caamaño, Antía Ameixeiras, Nikolay Velikov e Antonio Romero Cienfuegos, que tamén aportan a súa visión para este documental, con produción de Vítor Belho.

A obra, de algo máis de media hora de duración, estará dispoñible a partir do luns día 11 na páxina web caminofrances.org e nas redes sociais dos concellos colaboradores.