Doce investigadores iniciaron a nova campaña de escavación en Cova Eirós

Os arqueólogos seguen á espera da tramitación para poder levar a cabo unha nova sondaxe que lles permita saber se hai máis espazos con pegada de poboación prehistórica na zona
Os arqueólogos durante esta última campaña en Cova Eirós. EP
photo_camera Os arqueólogos durante esta última campaña en Cova Eirós. EP

Cova Eirós semella ser unha fonte de coñecemento incalculable e ata case inesgotable para os historiadores, e é que dende que se produciu hai xa quince anos o achado deste importante xacemento na parroquia de Cancelo, en Triacastela, os arqueólogos atoparon todo un tesouro baixo terra no sur da provincia de Lugo.

Así o cre Arturo de Lombera, codirector das campañas de escavación financiadas pola USC e pola Xunta de Galicia, que asegura que esta é unha "moi boa oportunidade" para entender o presente a través da pegada do pasado. Así, doce investigadores comezaron xa o luns coas escavacións nas grutas, e continuarán ata o día 23.

Tal e como explica Lombera, "estamos en pleno proceso de investigación", polo que o equipo adoita escavar de 09.00 a 14.30 horas e, pola tarde, toca laboratorio. "Así recolectamos o material que temos e poñemos en común as pesquisas", afirma. Aínda que polo de agora é cedo para sacar conclusións, o arqueólogo sostén que teñen tres obxectivos fixados para esta camapaña.

O primeiro deles é continuar coa escavación do nivel catro do paleolítico medio. Queren dar continuidade a un dos descubrimentos máis importantes que foi o da arte parietal paleolítica, xa que a converten na única, ata a data, con estas características en toda Galicia. Todos os datos recolectados ata o momento ensínannos como xurdiu o poboamento tradicional rural galego nas zonas de montaña. "Aí radica a verdadeira importancia de Cova Eirós e da súa contorna", afirma o arqueólogo Arturo de Lombera.

O segundo fin desta campaña é precisamente o rexistro, caracterización e recuperación de espazos rupestres, e o terceiro é realizar unha sondaxe sobre as grutas. "Trátase da maior novidade deste ano", explica o codirector, que di que esta podería permitir saber se existen máis espazos con pegada de poboación prehistórica na zona, pero todavía esperan os últimos trámites para poder levala a cabo.

O xacemento ubicado en Triacastela, que conta co selo distintivo de Ben de Interese Cultural (BIC), ten un alto potencial de habitabilidade polas condicións nas que se atopa, xa que se trata dun espazo moi amplo nunha zona de control e entrada ao noroeste que podería ter sido un asentamento en diferentes épocas da historia.

Xa en 2021, os investigadores desta campaña acharon 50 moedas romanas en Cova das Cabras, o que lles permitiu documentar un nivel de ocupación do século IV que ata o momento non estaba rexistrado en ningún xacemento da zona.

Os cuarzos

Nas inmediacións da cova tiñan ademais materias primas como cuarzo e cuarcita, así como sílex e cristal de rocha, pero máis afastados, polo que os investigadores xa comezaron a estudar este ano as ferramentas feitas en cristal de rocha, pero aínda queda poñer en común todo o material analizado para poder sacar as conclusións oportunas.

A fundación Palarq, unha entidade sen ánimo de lucro que xa apoia dende o ano 2016 a máis de 500 equipos españois que traballan no eido da arqueoloxía e da paleontoloxía, decidiu financiar unha nova investigación sobre os cuarzos de Cova Eirós, en Triacastela. Esta axuda, permitirá realizar unha análise xeoquímica nun laboratorio da University of Lorraine para determinar se artefactos de Cova Eirós correspondentes ao Paleolítico Superior proceden ou non do mesmo filón.

Polo de agora, o arqueólogo e codirector da campaña Arturo de Lombera asegura que eles van «paso a paso» porque asegura que este é un traballo de fondo e que esperan que a campaña dea bos resultados para coñecer un pouco máis sobre o patrimonio que esconde baixo terra Cova Eirós.

Comentarios