Dez anos da maior mobilización na historia recente da vila de Sarria

Tal día como hoxe de 2014, un grupo de veciños encadeábase ás árbores do Toleiro dentro das protestas contra o encanamento
Veciños encadeados ás árbores da illa do Toleiro. AEP
photo_camera Veciños encadeados ás árbores da illa do Toleiro. AEP

A maior mobilización veciñal da historia recente de Sarria, organizada arredor da Plataforma polo Río, está de aniversario. O 24 de febreiro de 2014, hai xusto dez anos, un grupo de veciños encadeábase ás árbores da illa do Toleiro para impedir a súa tala.

Foi posiblemente o momento culminante dunhas protestas que xa comezaran antes cunha manifestación multitudinaria -para solicitar a paralización do plan de encanamento do río Sarria e a redacción dun novo proxecto "menos agresivo" coa contorna- e que continuarían durante moitos meses, nunha loita que non só se librou na rúa senón tamén a nivel administrativo e nos xulgados.

Máis de trinta días coas súas trinta noites pasaron os acampados na illa do Toleiro, ata que un forte dispositivo policial procedeu ao desaloxo o 25 de marzo dos manifestantes, nunha xornada sen ningún tipo de enfrontamento, pero si con escenas de tensión.

Mollémonos polo río foi o lema deste movemento veciñal motivado por unha primeira fase do plan de encanamento que finalmente quedou a medio executar.

Das catro pontes nas que estaba previsto actuar nun principio só se acometeu a da Rúa Castelao e a pasarela do Toleiro co seu cuestionado deseño mentres que a Ponte Ribeira estivo case anos oito parada (primeiro polo xulgado a raíz dunha denuncia da Plataforma e despois por desacordos entre administracións) e a comisión de seguemento acabou por renunciar á demolición e reconstrución da ponte da Rúa da Liberdade.

Transcorridos dez anos dende aquel movemento, José María Díaz Bernárdez, un dos integrantes da Plataforma polo Río, lembra as mobilizacións veciñais "con emoción e orgullo". Foron momentos, segundo expresa, nos que saíu a relucir "o mellor de xente de calquera modo de pensar pelexando xunta por manter as ribeiras e o patrimonio do seu pobo" e tamén "o peor das administracións poñéndose fronte a elas".

Desaloxo da acampada en Sarria. AEP
Desaloxo da acampada en Sarria. AEP

"Moitos de nós pensamos que o río non necesita un encanamento, o que necesita é un plan de restauración fluvial", opina José María Díaz, quen di que a espada de Damocles segue pendendo porque a presa de 25 metros que contemplaba naquel proxecto "aínda está prevista na Acea de Arriba".

"Teño moi bos recordos e tamén moi malos", afirma este veciño, quen apunta que foi "unha loita moito de rúa, pero tamén moi administrativa e con denuncias". "Fomos denunciados no xulgado pola vía penal e nós tamén tivemos que denunciar por infraccións administrativas, conseguindo que se multaran administracións do mesmo signo político" e implicando nesta mobilización a outras entidades como Adega, a Escola Galega de Paisaxe ou o Consello da Cultura Galega, explica.

Unha década despois, que queda daquela plataforma? "Xente que antes eramos coñecidos e hoxe somos case irmáns", responde Díaz, quen di que nunca se formularon reconvertela co tempo noutro tipo de movemento cívico porque o esforzo foi "extenuante".

Neste punto coincide Roberto Irimia, outro dos membros da Plataforma polo Río. "Foi duro, máis do que a xente pensa. Igual para algúns foi un xogo de xuventude, pero para outros sinceramente non", sinala este sarriao, que asegura que o alto grao de implicación "pasou factura a moita xente e a algúns fíxonos dano".

Irimia entende que aquela mobilización veciñal "era algo que había que facer" malia que nalgúns casos acabara por supoñer "problemas ou decepcións". "Chegáronse a perder amizades porque algunhas persoas pensaban que iso ía contra alguén, e non ía contra ninguén, o único que queriamos era defender algo que nos parecía que era totalmente xusto e necesario", remarca este veciño.

Ao seu modo de ver, un dos acertos da Plataforma foi manterse como un colectivo espontáneo, non constituírse como asociación e evitar intentos de politización, o que lle fixo ter "picos moi altos de actividade" e deixar de lado os protagonismos. "A maioría das persoas que estabamos máis identificadas demostramos co tempo que ninguén participou en política, que non utilizamos aquilo con fins espurios", subliña.

Daquel plan de encanamento queda agora "o ingrato recordo do mamotreto que nos puxeron no Malecón, do despilfarro de cartos, o deterioro das cousas que se puxeron no paseo...". "Dende o punto de vista ecolóxico ata creo que se tiraron máis árbores cos gobernos dos últimos anos que naquel momento", reflexiona, opinión que comparte José María Díaz.

Ambos son críticos coa pasarela do Toleiro e, con respecto ao futuro de Ponte Ribeira (hoxe cunha pasarela provisional e para a cal a CHMS reserva este ano 870.000 euros), agardan que se faga realidade a restauración e posta en valor respectando o patrimonio.

Comentarios