Detido en Sarria acusado de cargar máis de 4.700 euros na conta da súa parella

Fixo presuntamente compras en webs que pagaba dese xeito

Os axentes da Garda Civil detiveron na localidade de Sarria a un veciño de Lugo como suposto autor dun delito de estafa tecnolóxica. Está acusado de facer diversos cargos indebidos na conta bancaria da súa compañeira sentimental por un importe superior aos 4.700 euros.

O arrestado presuntamente fixo compras en páxinas web tanto de produtos novos como de segunda man e pagaba todas as adquisicións con cargo á conta da súa parella, para o que non dispoñía da autorización desta. O home, quen ten numerosos antecedentes por delitos de estafa tecnolóxica, dispoñía de acceso aos datos bancarios da muller pola relación sentimental con ela.

Ante os continuos cargos que se facían na súa conta bancaria, a afectada presentou unha denuncia o pasado mes de marzo no cuartel da Garda Civil de Sarria. A vítima comunicou aos axentes que se realizaran diversos cargos por máis de 4.700 euros. A veciña denunciou os feitos, non ao seu compañeiro sentimental, polo que posiblemente non sospeitase deste.

Depois de ter coñemento da presunta estafa os axentes da Benemérita comezaron unha investigación que levou ao arresto do presunto autor dos feitos. O home pasou a disposición do xulgado de primeira instancia e instrución da localidade de Sarria.

Outro veciño do municipio foi vítima hai uns tres meses doutro delito de estafa a través de internet. Naquela ocasión foi imputada en calidade de investigada unha muller de Murcia por supostamente estafar 5.000 euros a través de internet coa técnica phishing para facerse co control da banca online do prexudicado.