A Deputación Provincial homenaxea en Sarria ás vítimas do franquismo

Celebra o Día da Galiza Mártir cunha ofrenda floral Lembran nunha charla episodios de represión na comarca
Ofrenda floral ante a placa colocada do Murallón de Sarria. VILA
photo_camera Ofrenda floral ante a placa colocada do Murallón de Sarria. VILA

A Deputación Provincial de Lugo organizou este luns en Sarria unha homenaxe ás vítimas do franquismo coincidindo co Día da Galiza Mártir, unha data instituída pola comunidade galega no exilio en lembranza de Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto do ano 1936 na Caeira en Poio.

A área provincial de memoria histórica, que dirixe o sarriao Efrén Castro, promoveu este acto, que deu comezo cunha ofrenda floral ante a placa colocada no Murallón en memoria dos concelleiros republicanos represaliados Rogelio Tarí, Vicente Páramo e Pedro García, acompañada dos sons do himno de Galicia.

Por mor do mal tempo, a celebración trasladouse despois á casa da cultura, onde o historiador Rafael García Ferreira, membro do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, ofreceu a conferencia titulada O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional. No seu relatorio abordou algúns dos episodios e lugares da comarca de Sarria máis castigados pola represión, tales como o concello de Paradela ou o Alto da Valiña.

O grupo Raiceira puxo a música a este Día da Galiza Mártir, coa interpretación, entre outras pezas, do romance do Comandante Moreno, que narra o asasinato de José Moreno Torres e doutros integrantes do Batallón Galicia.

Durante os actos, Efrén Castro avogou por seguir avanzando no ámbito da memoria histórica. "Mentres as vítimas do franquismo seguen enterradas nas cunetas do noso país, os seus verdugos manteñen posicións de privilexio", afirmou, ao tempo que defendeu celebracións como a de onte en Sarria para "desmontar as mentiras daqueles que queren branquear o réxime franquista".

A homenaxe contou coa participación, entre outros, da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera; membros do Ateneo Galeguista de Lugo, concelleiros sarriaos e doutros municipios da contorna e representantes de asociacións culturais da comarca que piden o recoñecemento desta data como Día da Galiza Mártir.

Comentarios