domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

A Deputación dá 75.000 euros para comprar os terreos do tren na Pobra

Firma de un conventio entre la Diputación y el Concello de Láncara para comprar los terrenos del tren. VÁZQUEZ RIVAS
José Tomé, Darío Piñeiro e os deputados Pablo Rivera e Pilar García. VÁZQUEZ RIVAS
Colabora co Concello na adquisición a Adif de 21.000 metros cadrados nos que estaban as antigas vías e varios edificios ferroviarios

A Deputación de Lugo e o Concello de Láncara asinaron este martes un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 75.000 euros para a compra dos terreos do tren na Pobra de San Xiao, primeiro paso para pór en marcha un ambicioso proxecto que inclúe a creación dunha senda no espazo que ocuparon as vías.

A adquisición prevista (mediante unha expropiación pactada con Adif) abarca 21.000 metros cadrados, nos que se inclúen os terreos da antiga liña entre os dous pasos a nivel da Pobra (arredor dun quilómetro), así como a vella estación ferroviaria, un almacén ou os depósitos de auga, entre outras construcións vinculadas ao tren.

A compra ten un custo de 111.600 euros, dos cales o Concello aporta 36.600 e a cantidade restante finánciase coa axuda da Deputación, que representa o 66 por cento do total.

O pleno lancarés xa aprobou o pasado mes un suplemento de crédito de 124.000 euros para afrontar esta expropiación e pagar proxectos de cara a executar o plan especial de infraestruturas e dotacións ferroviarias, que prevé a integración destes terreos na trama urbana da Pobra mediante actuacións como a construción dunha rotonda de enlace coa carretera LU-546, a creación dun paseo e un carril bici nas antigas vías do tren, a rehabilitación dos edificios para usos administrativos e socioculturais ou a conexión con varios parques da localidade.

A presentación deste convenio tivo lugar este martes nun acto diante da antiga estación do tren da Pobra de San Xiao coa participación do presidente da Deputación, José Tomé, e do alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, acompañados dos deputados Pablo Rivera Capón e Pilar García Porto, así como concelleiros e veciños.

O rexedor confesou que era para el un día "feliz" para conseguir "un importante proxecto para A Pobra e para Láncara", que fará que a capitalidade municipal "deixe de estar taponada". Piñeiro, quen tamén tivo un recordo para todas as personas que faleceron nas vías, agradeceu a colaboración da Deputación e tamén de Adif para chegar ao acordo de expropiación despois de longas negociacións.

O alcalde dixo sentir mágoa de que o tren deixara da pasar pola Pobra tras "140 anos", se ben avanzou as actuacións que agora se poderán facer e que comezarán pola construción da rotonda que unirá a Rúa Benigno Quiroga, na saída cara a Lugo, coa LU-546.

A execución de todo o proxecto, incluída a senda verde, "sabemos que custará moito, pero farémolo entre todos", engadiu Piñeiro.

Pola súa banda, o presidente da Deputación amouse satisfeito de colaborar na compra destas dotacións para pór en marcha un proxecto que definiu como "transcendente" para Láncara.

"A creación dun gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico", dixo Tomé.

Na súa opinión, a recuperación destes terreos será "un novo atractivo para Láncara" e "suporá un avance importante cara un modelo de urbanismo máis sostible, máis humanizado e cun maior protagonismo para os peóns", o que contribuirá "ao desenvolvemento económico e social do concello e fixar poboación no rural".

A antiga escola de Láncara foi reformada
O presidente da Deputación aproveitou a súa visita ao concello para coñecer as obras feitas na antiga escola de Láncara, situada no núcleo da veiga de Outeiro e usada pola asociación cultural val de Láncara, as cales contaron cunha subvención deste organismo de 46.000 euros (o 96% do custo total da intervención).
Os traballos consistiron na unión de dúas salas do edificio para facer un único espazo, o que facilita a realización de actividades sociais e culturais. Tamén se remodelaron os aseos da escola para facelos accesibles.
 

A Deputación dá 75.000 euros para comprar os terreos do tren na Pobra