Martes. 21.08.2018 |
El tiempo
Martes. 21.08.2018
El tiempo

Carlos Blanco: "Dende 'Fariña' chéganme mensaxes de amor ata de Arxentina"

Actuación de Carlos Blanco en Sarria. Álex Fidalgo
Actuación de Carlos Blanco en Sarria. Álex Fidalgo

O cómico e actor -que interpreta a Laureano Oubiña na serie Fariña, que agora pode verse na plataforma Netflix- continúa subido aos escenarios tras 20 anos

Leva a tira de tempo facendo monólogos, cando empezou?
Foi ao deixar Mareas Vivas (serie de éxito da TVG que rematou en 2002). Xusto aí ofrecéronme actuar nun pub en Santiago, o Modus Vivendi. Eu xa contaba algunhas historias no pub Atlántico de Santiago, onde naceu a figura do contacontos contemporáneo en Galicia: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira… Ao deixar a serie actuei todos os luns naquel sitio durante 15 meses. Ía moita xente e descubrín que aí tiña unha posibilidade de traballo. Dábaseme ben e gustábame.

Imaxino que, daquela, a xente a quen vía sobre o escenario era a Ladislao, o seu personaxe en Mareas Vivas.
Non, eu xa tiña unha traxectoria antes de Ladislao. Determinada xente recoñecíame como Ladislao, pero esa xente non soía ir aos monólogos. Era xente máis do rural, esa xente que aínda me di hoxe o da ‘jalleja’, cando hai a tira de anos que eu non fago nada na TVG.

Os cómicos facían diñeiro naquel momento?
A ver, ten en conta que eu actuaba alí para 40 personas, e no Meigallo haberá 500… Non podes cobrar igual!

Leva moito tempo enchendo teatros e locais, tendo moi boa resposta por parte do público… Percibe a influencia de ‘Fariña’ de cara ao público nos seus shows?
Eu xa enchía os teatros antes de Fariña. Moito antes. Algo máis de curiosidade pode haber por algún tipo de público que antes non se achegaba aos monólogos, pero máis alá non o percibo. Si que fago algunha broma e algunha alusión á serie.

Estará sorprendido co que se formou coa serie...
Estou flipando. Chéganme mensaxes de amor dende Arxentina! E creo que isto apenas comeza. Isto só me pasara cando fixera un pequeno papel con Almodóvar en Volver, que me chegaban mensaxes de xente dicindo: "te acabo de ver en Tokio" ou "acabamos de verte en Helsinki". E despois chegábanche cheques de 18 euros de Suecia, por exemplo, como ‘royalties’ da peli de Almodóvar. Con isto pasará igual, pero o que importa é que te vexan. Que se vexa o traballo.

Imprimiulle unha gran vis cómica ao seu Laureano Oubiña.
Si, pero é algo que el ten, é algo que está nel. É un tipo divertido na pequena distancia, gracioso, conta chistes… Que eu non conto chistes, eu son máis ben serio.

Non se puxo en contacto con vostede para dicirlle algo despois de ver a serie?
A ver, eu díxono moitas veces… Eu comín con Oubiña. Chamoume e comemos xuntos. E ata aí podo ler.

Pero iso foi antes ou despois de que comezase a emitirse?
Antes.

Porque sabía que ía interpretalo?
Si. Cando nos encontramos, eu estaba practicamente empezando a gravar. Interesoume porque  quería velo de cerca, falar con el, preguntarlle cousas… E foi o que fixen.

Carlos Blanco: "Dende 'Fariña' chéganme mensaxes de amor ata de...