José Fernández: "Debemos aspirar a ter en Samos unha residencia de maiores"

O voceiro do PP en Samos e novo deputado provincial ve necesaria a implicación da Deputación no proxecto
José Fernández, na toma de posesión. SEBAS SENANDE
photo_camera José Fernández, na toma de posesión. SEBAS SENANDE

O novo deputado provincial polo grupo popular, José Fernández, quen tamén preside a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, substitúe no cargo ao sarriao José Antonio García en virtude dun pacto no seo do partido.

En que consistía ese acordo?
O acordo xa vén de cando foi a elección de deputados na comarca. Pactaramos entre Paradela, Sarria e Samos dous anos un (García) e dous anos outro (Fernández).

O resto de concellos da comarca non participaron nesa decisión?
O Páramo, O Incio e Láncara votaban outro sistema.

Cal era?
Dous anos o alcalde do Incio e dous o voceiro do PP de Láncara. Votouse e saíu a nosa opción. Nós o pacto levámolo a cabo tal e como estaba acordado nun documento, con total seriedade.

Como afronta esta etapa na Deputación? Que expectativas ten?
O obxectivo xeral é servir coa maior lealdade e a mellor eficacia posible á provincia. O PP ten unha folla de ruta moi clara no traballo a favor dos intereses da provincia. Quero poñer da miña parte todo o que poida nese senso, pero estamos na oposición. Pretendo sumar en iniciativas a favor da provincia e con críticas construtivas.

Que pensa que pode aportar neste tempo que queda para rematar o actual mandato?
Os deputados saen dos partidos xudiciais e a miña intención é facer todo o que estea na miña man para que a Deputación mellore as infraestruturas e a prestación de servizos en todo o ámbito do partido xudicial e en Samos.

No caso do seu concello, ten algunha demanda especial?
Intentar conseguir unha residencia digna, como se aprobou para outros concellos, porque o que temos está ben, está facendo un gran labor, pero son vivendas comunitarias. Tamén mellorar as vías provinciais, concretamente as que van cara a Lóuzara e O Courel teñen bastantes deficiencias.

Recentemente o pleno de Samos acordou pedirlle á Deputación de Lugo que financie prazas nas vivendas comunitarias e apartamentos tutelados...
A min todo o que sexa beneficiar os veciños e veciñas de Samos e da provincia paréceme ben, pero non sei en que termos legais estaría. Creo que a Deputación, segundo aprobou outras residencias de maiores, tamén podería ser unha para Samos. A primeira cousa sería que o Concello aportase terreos, que os técnicos os valorasen e poñerse mans á obra. Se non se empeza nunca se fai.

"Farei o que estea na miña man para que a Deputación mellore as infraestruturas e servizos no partido xudicial"

Propón unha residencia nova, con independencia das vivendas que funcionan agora?
Si, non tería nada que ver. Estas vivendas están facendo un gran labor, pero debemos aspirar a ter unha residencia.

Como o recibiron os seus compañeiros na Deputación de Lugo?
Ben. Teño que dicir que o presidente, José Tomé, estivo moi ben na toma de posesión, cun protocolo perfecto. E dentro do PP hai harmonía. Coa presidenta provincial, Elena Candia, tamén moi ben, é unha persoa cunha capacidade de traballo asombrosa e moi próxima, sempre disposta a sumar.

Asignáronlle xa algún cometido en concreto dentro do grupo provincial popular?
De momento, non.

A nivel local, están preparando algunha estratexia para as vindeiras eleccións municipais?
Estamos traballando. É unha pena que Samos non teña un goberno popular. Intentaremos reforzarnos con novas incorporacións. Estamos a disposición do que o partido estime conveniente.

Tamén preside a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos. Que obxectivos se marcan dentro deste colectivo?
Levo 25 anos de presidente. Os logros están aí. Facemos viaxes culturais constantemente, durante 23 años fixemos a feira de produtos artesanais... Pola pandemia e pola falta de axudas non se puido celebrar e queremos retomala nas debidas condicións. Tamén facemos o concurso de tapas, que este ano bateu o récord de público. O obxectivo é mellorar en todo o posible o Camiño de Santiago e aos comerciantes da zona, todo isto sen ánimo de lucro.

A nivel de turismo, que propón?
Hai moito que facer. Xacobeo e Deputación poden colaborar. Habería que facer un xiro de 180 graos porque estamos en pleno Camiño de Santiago e estanse perdendo moitas iniciativas. Temos o mosteiro, que é o segundo monumento do Camiño Francés en Galicia. Eu, se son candidato, sería un reto que sempre levaría.

Refírese a un plan de promoción turística aproveitando o mosteiro e a ruta xacobea?
Si, e incluso rutas que se poderían facer nos castros ou literarias. Poderíanse facer entre O Incio, Samos e mesmo O Courel. Temos monumentos, temos paisaxe e moita cultura.

Comentarios