Darío Piñeiro: "Nos edificios do tren queremos o cuartel da Garda Civil e unha miniestación de buses"

O concello de Láncara viviu este ano a desaparición das vías do tren, que Adif se comprometeu a "humanizar" entre os pasos a nivel da Pobra. Para el, a "gran xoia" de Láncara é o Camiño Real, que precisa "outro empurrón"

Darío Piñeiro. L.PORTO
photo_camera Darío Piñeiro. L.PORTO

O SOCIALISTA Darío Piñeiro preside desde hai tres anos e medio o Concello de Láncara, do que xa foi alcalde entre 2007 e 2009. Darlle unha nova vida ás antigas infraestruturas do tren e crear un polígono industrial son os principais retos para o rexedor.

Como foi o mandato estando en minoría?

Foi bastante ben, de feito nos plenos nunca perdemos unha votación, nunca tiven que usar o voto de calidade. Sacamos sempre os presupostos por maioría.

Durante todo o mandato houbo un enfrontamento co PP.

Foi máis mediático que na realidade. Para min hai dúas oposicións, unha construtiva e outra que intentou poñer trabas por todos os lados. Dentro de seis meses temos un exame e o pobo decidirá.

Que cambios houbo no concello de Láncara nestes anos?

Creo que sobre todo houbo un cambio na forma de facer as cousas; de feito, está o detalle de que estamos en minoría e sacamos todo por maioría. Houbo unha forma diferente de facer as cousas. Mellor ou peor? Eu creo que con máis sentido común.

Como están as xestións para dar outro uso ás antigas vías do tren?

Temos o compromiso de Adif de adecuar un pouco, humanizar e ceder ao Concello a vía entre os pasos a nivel da Pobra, así como que os terreos e os edificios se cedan ao Concello, nunca a un particular. É unha negociación complexa, un investimento moi grande, estamos traballando a tope niso e creo que imos polo bo camiño. No resto da vía haberá que facer unha senda verde e temos que contar cos outros concellos. En Adif gustou moito a idea de que a estación sexa para cuartel da Garda Civil, de forma provisional, porque no futuro sería para concello. Agora non estamos en situación de gastar diñeiro para levar para alí o consistorio, tampouco é bo deixalo abandonado e por iso propuxemos levar o cuartel. Hai un proxecto de hai moitos anos de facer un cuartel e seguimos con el, pero por agora pode usar a estación.

E as demais construcións situadas xunto á estación?

Gustaríame unha miniestación de autobuses, que tivera unha sala para que puidera esperar alí a xente e uns aseos. Non habería venda de billetes nin esa infraestrutura que require unha estación. É unha idea, estamos abertos a outras e estudamos máis posibilidades.

Como se atopan os trámites para crear un polígono industrial?

Tivemos unha reunión cos técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Estamos avanzando, pero é complicado. Estamos buscando outras ubicacións. Creo que hai que ser realistas —a situación económica do país está como está— buscando un tipo de polígono no que no baixo se puidera facer unha nave, un almacén ou taller, e arriba vivenda.

Estes últimos anos estivo marcado polo catastrazo.

Hai poucos días mandamos máis expedientes ao Defensor del Pueblo porque hai situacións curiosas, xente que reclama e Catastro lle dá a razón, pero non lle descontan o que lle cobraron de máis. Temos mandado en total uns 30 e pico expedientes ao Defensor.

Unha asociación prevé crear un museo na casa do pai de Fidel Castro. Como colaborará o Concello?

Pediu licenza para rehabilitala e estamos pendentes de darlla. O Concello vai estar aí na medida das nosas posibilidades, que son moi poucas. Imos ser realistas, tampouco imos facer un gran desembolso, que non o temos.

En materia de turismo que precisa Láncara?

A gran xoia é o Camiño Real e está sen explotar ben.

Teñen algún proxecto para el?

Xa o sinalizamos, fixéronse proxectos e estamos falando cos outros concellos. É algo ao que lle temos que dar outro empurrón.

Hai algo que lle gustaría ter feito e non se puido neste mandato?

Moitas cousas. O PXOM necesita un retoque porque hai fallos moi grandes. Cheguei ao Concello cunha gran débeda, imos amortizar o 90% e a miña ilusión sería amortizar toda. Tamén faltan infraestruturas, tiña que ser o mandato de empezar con aglomerado en quente e queda o contorno do río e o vial de Láncara, que non me gusta como vai. Foi un gran mandato, fixéronse moitas cousas, pero sempre quedan outras que me gustaría sacar adiante.

"Teño clarísimo que me quero presentar ás eleccións"
Decidiu se se presentará ás próximas eleccións municipais que se celebrarán en 2019?

Teño clarísimo que si, se os compañeiros e o partido queren, eu teñoo clarísimo.

Xa comezaron a traballar de cara aos comicios?

Todavía non tivemos ningunha reunión nin o falamos, é unha idea que teño eu. Eu sempre estarei a disposición dos meus compañeiros e do partido. A min gustaríame volver presentarme, evidentemente.

Vostede é gandeiro, como compaxina este traballo coa alcaldía?

A verdade e que é complicado, pero vouno compaxinando. Recoñezo que teño un pouco abandonado o traballo na explotación, pero teño a familia que traballa moito alí. Vouno compaxinando. Dedícolle moitas horas ao Concello e necesitaría moitísimas máis todavía. Creo que se necesita dedicarlle moitas horas, pero vouno compaxinando como podo.

Coñece de primeira man o sector gandeiro, como o ve?

Moi mal, para min o futuro está moi moi, pero moi negro. Recordo que cando era un rapaz as aldeas tiñan vida, agora as aldeas están abandonadas, as gandarías están abandonadas. Dáme moita pena e moita tristeza, pero está moi moi moi mal.

Que afeccións ten, quédalle tempo para practicalas?

Sempre fun un gran afeccionado á caza e ao deporte, pero agora nada, nin practico caza nin deporte, non me queda tempo. Agora ver un pouco a televisión e pouco máis.

Comentarios