Agricultor, ecoloxista, micólogo, botánico, amigo das abellas ou cura obreiro. Son moitos os cualificativos que poderían aplicárselle a Leopoldo Sanmartín, aínda que el renega das etiquetas e dos formalismos para quedar coa "espontaneidade" e a sinxeleza. Coñecido por todos como Leo, sen máis adornos, este crego vive en comuñón coa terra e coa xente, a mesma que estes días non deixa de amosarlle o seu afecto con motivo da súa xubilación tras 61 anos de sacerdocio ao servizo do pobo.
"Estou agradecido, pero é demasiado. Eu xa lles dixen tempo atrás que non quería homenaxes, nin despedidas, nin recordos, nin nada. Eu o que quero é seguir vivindo ao seu lado, nada máis. A min gústame a cordialidade rutineira de cada día, saudarnos sen facer moito espavento", di Leo, que vai camiño de cumprir os 84.
Natural de Lalín e ordenado sacerdote no 1962, durante os últimos 19 anos exerceu en Láncara e Sarria, levando as parroquias de Seteventos, Louseiro, Toldaos, Monseiro, Castelo dos Infantes, Calvor e Lier, onde reside e onde prevé pasar a xubilación, desfrutando "dunha vida pacífica e das relacións humanas, non comerciais, sen maiores expectativas".
Conta todo isto cando vén de arar unha finca na que sementou allos, cebolas e leitugas -"para gasto propio e para compartir", explica- e mentres saborea "unha plantiña que lle chaman bolsa do pastor", que atopou de camiño á casa e que se caracteriza por ser "moi doce e alimenticia".
Dá gusto escoitalo falar de botánica ou de micoloxía, outra das materias nas que é un grande experto e na que comezou a formarse hai máis de medio século, sendo un dos fundadores do colectivo Os Lactouros de Monforte, cuxo primeiro regulamento se redactou en galego, pero "non o admitiron e houbo que facelo bilingüe porque aínda vivía Paco medallas".
Na parroquia de Lier, nun terreo que lle deixou unha veciña, Leo ten tamén colmeas que lle dan mel "para regalar e compartir", ademais de iniciar a algunha que outra persoa no "interesantísimo" mundo da apicultura.
Sempre en contacto coa natureza, o crego non escatima á hora de compartir o seu saber. Tanto é así que, durante moitos anos, elaborou e repartiu de xeito gratuíto entre os fregueses un calendario cos horarios das misas, os aniversarios ou as catequeses, pero tamén con consellos agrícolas.
Aproveitaba os seus coñecementos sobre "a influencia da lúa, dos astros ou do tempo" para "poñer unhas indicacións das mellores épocas para sementar ou botar o estrume, cuns símbolos inventados por min para simplificar", relata o cura, quen traballou como un obreiro máis na restauración de igrexas e que en maio do 68 marchou as vendimas a Francia.
Mostra do aprecio que se gañou entre os veciños é o mural do artista Finxo no acceso á igrexa de Monseiro, no que Leopoldo Sanmartín aparece representado como un pastor guiando as ovellas. E tamén o cabezudo que lle dedicou a asociación Crearte, con Verónica Quintela á fronte, unha figura que, dende a súa creación no 2018, desfila cada ano nas festas de San Xoán de Sarria.
"Sempre fun algo cabezón e por iso me fixeron un cabezudo", bromea Leo. E segue tirando de retranca cando se lle pregunta polos seu plans para a xubilación: "Tiña pensado seguir respirando, por exemplo, mentres me deixan".
Ironías á parte, o párroco proponse dar misa os domingos en Lier, seguir compartindo a súa sabedoría e experiencia "para que na sociedade haxa algún beneficio", saír buscar cogomelos de cando en vez e non deixar de plantar "cousiñas porque me gusta que cando un falte a xente continúe comendo algúns froitos que dá a natureza sen que ninguén os cultive nin lles bote insecticida".
Unha década en Lima e nos Andes
Leopoldo Sanmartín, quen tivo como primeiro destino O Courel, exerceu tamén como misioneiro no Perú, cinco anos en zonas marxinais da periferia de Lima e outros tantos con comunidades indíxenas dos Andes.
Problemas de saúde forzaron o seu retorno, pasando unha tempada no mosteiro de Sobrado e en Castroverde para instalarse despois en Sarria.
Antes de marchar ás misións, Leo foi párroco durante 20 anos na parroquia monfortina de Sindrán e outros doce na Estación da cidade do Cabe, onde axudou coas súas propias mans a rehabilitar igrexas e camiños, ademais de traballar na cerámica do Castelo e fundar un taller eléctrico.