jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Cova Eirós, refuxio de neandertais

Escavacións no xacemento de Triacastela. EP
Escavacións no xacemento de Triacastela. EP
Un estudo sinala que grupos destes homínidos seguían na zona cando os sapiens xa habitaban a costa cantábrica

Os numerosos achados que depara a Cova Eirós de Triacastela resultan de grande importancia para axudar a comprender o proceso de substitución entre os últimos grupos de neandertais e os primeiros homo sapiens que poboaron o noroeste ibérico. Así, un estudo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén confirmar que grupos residuais de neandertais aínda vivían na montaña luguesa cando os humanos modernos xa habitaban a costa cantábrica.

Segundo informa a USC, este documento foi publicado na revista do Museo Nacional de Historia Natural de Francia (Comptes Rendus Palevol) e baseáse nas investigacións arqueolóxicas realizadas no xacemento de Triacastela por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecología Humana i Evolució Social e a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, en virtude dun convenio coa Consellería de Cultura da Xunta e o Ministerio de Ciencia.

A localización de Cova Eirós fai dela "un importante enclave para entender a expansión das primeiras comunidades de Homo sapiens na Península Ibérica e a progresiva extinción dos neandertais", dado que contén varios niveis pertencentes a ese momento de transición, explica a USC.

As datacións radiocarbónicas do Paleolítico Medio revelan que 40.000 ou 41.000 anos atrás aínda pervivían grupos de neandertais nas montañas do interior galego mentres a cornixa cantábrica xa estaba colonizada polos humanos modernos. Pola súa banda, as datacións do nivel do Paleolítico Superior (hai uns 36.000 anos) apuntan a unha chegada á rexión dos Sapiens "relativamente rápida" con respecto a outras zonas do centro e sur peninsular.

"Este feito podería indicar unha relativa estabilización das poboacións de Homo sapiens que se manteñen no litoral e vales cantábricos durante uns poucos milenios, antes de estenderse fóra da conca cantábrica en momentos de lixeira mellora climática", indican os investigadores.

As escavacións nos niveis correspondentes ao Paleolítico Medio e Superior tamén permitiron determinar que ambas especies ocuparon a entrada de Cova Eirós con estancias "breves e reiteradas no tempo" ligadas á caza e ao procesado de cervos, rebezos, corzos e xabaríns. Con todo, os investigadores constataron diferenzas entre ambas nas estratexias de caza ou do abastecemento de materias primas para fabricar ferramentas.

Cova Eirós, refuxio de neandertais
Comentarios