Conexión coa natureza de Sarria

O campamento de verán que se desenvolve ao longo de xullo e agosto, en catro quendas, ofrece a oportunidade de facer desde actividades no río a rutas de sendeirismo pola zona
undefined
photo_camera Varios participantes no campamento na ruta de sendeirismo das Aceas. EP

Unha decena de mozos e mozas do concello de Sarria conectan estes días coa natureza do municipio a través das múltiples actividades que ofrece o campamento de verán que se está a desenvolver entre os meses de xullo e de agosto co obxectivo de facilitar a conciliación das familias. O programa Aventura no Camiño está organizado dende a área de deportes do consistorio sarriao e dividirase en catro quendas de 15 días de duración cada unha.

Nesta primeira rolda, moi marcada pola incidencia dos casos de coronavirus entre a veciñanza, son nove os participantes apuntados, todos eles con idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos, aínda que as actividades están dirixidas aos nacidos entre 2004 e 2009. Eles, igual que terán a oportunidade os que virán a partir deste xoves e en diante, xa puideron probar actividades acuáticas, como é o caso do kaiak, o paddle surf e outros xogos nas augas do río Sarria, na zona do Chanto.

E para conectar coa realidade da vila, e que coñezan e se familiaricen cos veciños e visitantes, os dous monitores da empresa Vitae A Billarda de Lugo, Aroa Rivas e Roi López, suxiren unha xincana polo centro urbano da localidade. "Cada grupo terá que cumprir unha serie de obxectivos, como por exemplo atopar cinco peregrinos que non sexan da provincia de Lugo ou localizar uns determinados graffitis", detalla Aroa, quen recoñece que este grupo a sorprendeu moito, "pero para ben". Di que é porque cría que ían ser "nenos obrigados a vir", pero o carácter animado e motivado que presentan de cara ás novas propostas fíxolle cambiar a súa concepción.

As actividades de cada quenda adáptanse aos compoñentes do grupo e aos seus intereses

DEPORTE E ORIENTACIÓN.  E aínda que o favorito dos rapaces son as actividades ao aire libre -tamén realizaron unha ruta de sendeirismo polas Aceas e tiñan previsto percorrer un treito do Camiño de Santiago- tampouco lle din que non ás probas deportivas e de orientación que practicaron nas instalacións das piscinas municipais, ao "escondite ao revés" e aos xogos de mesa, como as cartas de Los hombres lobo de Castronegro e as do Dixit.

Nas vindeiras quendas, ás que se seguen apuntando participantes, os monitores prevén facer tamén obradoiros de reciclaxe e de decoración, como ilustrar unha tote bag cun deseño libre e tintes que, en caso de sobrar, irán destinados a pintar camisetas. Pero iso si, "todo depende do grupo, do que lle guste e dos seus intereses", recalca Aroa, aberta a múltiples opcións para facer máis levadeiro o tempo libre que deixa o verán.

Algúns dos rapaces participantes mesmo repetirán nas seguintes roldas deste campamento xuvenil, porque, tal e como lle aseguran a Aroa, ademais de gustarlles o que nel se ofrece, "se non fose por estas actividades, apenas sairían da casa".

Comentarios