Abraham Cupeiro: "O concerto do día 19 é un agradecemento cara Sarria"

O músico sarriao fará unha parada na súa vila natal o vindeiro xoves, día 19, ás 22.00 horas para presentar o seu último traballo discográfico, Pangea, gravado nos estudos de Abbey Road, en Londres, coa Royal Philharmonic Orchestra
Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE

Abraham Cupeiro ofrecerá unha actuación na que estará acompañado pola Banda Artística de Merza e que se celebrará na céntrica Praza da Vila. A entrada será libre ata completar cabida e este concerto farase de forma altruísta, só sufragando os gastos da banda e de produción.

Que poderá ver o público nesa cita da vindeira semana?
Será un concerto no que, ademais de estar acompañado pola banda máis anterga de Galicia, que é a de Merza, permitirá que o público viaxe polo noso planeta. É unha oportunidade para poder voar coa imaxinación.

Vostede tamén está viaxando moito con este último disco.
Pangea estame levando por moitos recunchos. Veño de estar o día 10 en Francia, onde toquei no 50 aniversario do Festival de Lorient coa Orquesta Nacional de Bretaña. Esta fin de semana estarei en Castilla La Mancha, en Madridejos, e o 16 volverei a Galicia. Tamén haberá concertos en La Rioja e Palencia. Ao final serán unhas 70 ou 80 actuacións ao longo deste ano.

"Quero devolverlle á vila ese apoio e que, desta vez, si poidan ir máis persoas"

Unha axenda ateigada...
Si, de feito o día 19 foi o elixido para tocar en Sarria porque era a única tarde libre que tiña, porque polas mañás estou ensaiando coa Banda Municipal da Coruña, coa que tocarei nas festas de María Pita.

E como decidiu facer un alto en Sarria dentro de toda a xira de presentación de Pangea?
É un agradecemento ao apoio tanto do pobo como do Concello. O concerto que fixen en Sarria dentro do ciclo Resoando no Camiño Francés foi moi fermoso, pero puido ir moi pouca xente. Sentinme súper respaldado, así que quero devolverlle á vila ese apoio e que, desta vez, si poidan ir máis persoas. É como devolver esa moeda.

Comentarios