O Concello sarriao pon en marcha unha compostaxe comunitaria

Trátase dunha iniciativa piloto na zona do Chanto, que conta cunha achega da Xunta e na que poden participar unha trintena de fogares
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Zona de compostaxe, na Rúa Curros Enríquez. EP

O Concello de Sarria activará nos vindeiros días unha zona de compostaxe comunitaria na confluencia da Rúa Curros Enríquez co Chanto. Trátase dunha iniciativa piloto que ten como finalidade avanzar na recollida separada dos biorresiduos dunha trintena de fogares para destinalos á obtención de compost.

Este proxecto, cofinanciado polo Concello cunha achega da Xunta de Galicia, supón un investimento duns 33.000 euros.

Segundo explicou o concelleiro de Sostibilidade Ambiental e Servizos Municipais, Pedro López, o primeiro paso será que uns 30 veciños desta zona amosen intereses por participar neste proxecto chamando ao teléfono 982.53.50.00 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Unha vez seleccionados os fogares, o Concello programará un curso formativo para explicarlles aos inscritos o funcionamento deste sistema de compostaxe.

Pedro López animou á veciñanza a involucrarse neste proxecto. Os principais requisitos consisten en comprometerse a separar nas casas os residuos orgánicos, trasladalos á área de compostaxe comunitaria e depositalos no módulo correspondente, engadindo a proporción axeitada de material estruturante. Transcorridos seis meses, cada veciño poderá solicitar o compost resultante ao Concello ou ben cedelo para o mantemento dos xardíns municipais.

O concelleiro lembrou que cada persoa adulta xera aproximadamente 1,1 quilogramos de residuos ao día, dos cales entre o 40% e o 50% poden reciclarse para obter compost, "un abono natural e de calidade con excelentes propiedades para o solo", sinalou.

Un cartel situado na zona indica cales son os residuos válidos para depositar no composteiro, entre os que se contan restos de froitas, verduras, carne e peixe, cascas de ovos, pousos de café e infusións, pan, arroz, pasta, papel de cociña, restos de poda, follas ou serraduras de madeira natural.

Comentarios