O Concello sarriao estuda a demolición da terraza do Chanto para facer un paseo

O PP denuncia que o edificio municipal leva xa oito meses apuntalado e o goberno alega que a CHMS non permite obrar
Apuntalada la terraza del edificio municipal del parque de O Chanto de Sarria
photo_camera Puntais no edificio do Chanto. EP

O Concello de Sarria estuda a demolición da terraza do edificio de titularidade municipal sito no parque do Chanto —no que funciona un local de hostalaría mediante unha concesión—, o cal se atopa apuntalado dende hai xa oito meses tras detectarse un problema nun dos piares.

No seu lugar construiríase un paseo pola beira do río Sarria no caso de que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) leve a bo porto un proxecto que ten en fase de elaboración en colaboración coa administración local.

O inmoble foi apuntalado polo Concello o pasado mes de outubro debido a que cedeu un dos piares. O PP de Sarria pediu solucións para este edificio da área recreativa do Chanto despois de "oito meses de incompetencia e desidia, pagando o aluguer de puntais encargados a unha empresa de Lugo e ás portas de San Xoán e do verán", época na que moitos veciños, incluídos me nores, frecuentan esta zona.

No último pleno, os populares interesáronse por este asunto dada a proximidade da tempada de maior afluencia no Chanto e o goberno respondeu que había un proxecto de restauración elaborado polo Concello para o cal pediu permiso á CHMS, que non autoriza a obra por atoparse o inmoble en "dominio público hidráulico".

O alcalde cualificou de "miserable" por parte do principal grupo da oposición queixarse do gasto que supón manter esta medida

NOVO PROXECTO. Segundo avanzou onte o alcalde, Claudio Garrido, a Confederación plantea un novo proxecto consistente na creación dun paseo pola beira do río dende Ponte Ribeira ata As Aceas que iría na mesma zona na que se atopa a terraza do edificio. Este feito, unido á falta de autorización para a restauración desta parte, aconsellaría a súa demolición. Concretou que se mantería en pé o resto do inmoble municipal.

O alcalde expuso tamén que o apuntalamento se fixo no seu día cos informes técnicos oportunos e cualificou de "miserable" por parte do principal grupo da oposición queixarse do gasto que supón manter esta medida.

Segundo dixo, o Concello elaborou un proxecto para a restauración da terraza que foi presentado ante a Xunta para optar a unha subvención da que non hai resposta polo momento. Ese mesmo proxecto enviouse á CHMS, que non autoriza a obra por ser dominio público hidráulico.

Ademais, engadiu, atópase nunha afectada por outra actuación prevista por este organismo, cuxos técnicos xa visitaron a vila en varias ocasións con este fin. "La Confederación tiene para esa zona un proyecto mejor y ambicioso", defendeu Garrido, quen sinalou que esa nova intervención afectará tamén á presa do Chanto.

Comentarios