O Concello de Sarria desenvolveu os servizos e mellorou infraestruturas

Investimentos ► O goberno local que preside Claudio Garrido centrou os esforzos nesta lexislatura en incrementar o aforro enerxético e xerar emprego de calidade e estable
Vista exterior da piscina climatizada de Sarria. AEP
photo_camera Vista exterior da piscina climatizada de Sarria. AEP

Entre os principais logros do goberno local de Camiña Sarria ao longo do mandato 2019/2023, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, destacou os seguintes.

Recuperación das patrullas da Policía Local as 24 horas

En xaneiro do ano 2020, e "ante a crecente preocupación cidadá pola inseguridade e o incremento de roubos", o goberno local de Camiña Sarria volveu establecer as quendas de vixilancia de 24 horas da Policía Local, que "foran suprimidas en 2017 polo goberno anterior aducindo falta de persoal".

Ademais, a comezos de 2023 convocáronse tres novas prazas de Policía Local, as primeiras despois de 17 anos, co que o plantel pasará a contar con 13 axentes e un oficial, ademais de dos auxiliares.

Apertura da Ponte Ribeira

A comezos de maio de 2022, o goberno local de Sarria conseguiu abrir ao tráfico rodado a pasarela metálica provisional instalada sobre o río Sarria na Ponte Ribeira, poñendo fin a oito anos de incomunicación entre ambas beiras e ao corte do Camiño Francés. Esta actuación, que requeriu un investimento de máis de 125.000 euros entre a montaxe da pasarela e a adecuación da zona, "volveu dinamizar e poñer en valor a contorna tras os prexuízos padecidos durante oito anos debido á estratexia obstrucionista do PP desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que demorou máis do necesario os permisos para implementar esta solución", engadiu.

Renovación do alumeado

En agosto de 2020, o Concello de Sarria converteuse en pioneiro en Galicia na contratación dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE) para renovar o sistema de alumeado público e xestionar os servizos enerxéticos municipais. Esta actuación, para a que o goberno local conseguiu unha axuda de 2,9 millóns de euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idea), permitiu instalar 4.429 luminarias led de alta eficiencia, actualizar 329 cadros de mando e mellorar un total de 2.870 soportes "que se atopaban en mal estado".

A empresa adxudicataria deste servizo durante 20 anos, Electrotécnica Monrabal SLU, ademais de asumir o desembolso inicial para a renovación das instalacións e o equipamento eléctrico, "pasou a asumir integramente a xestión do servizo, incluíndo as relacións cos proveedores e os custos do mantemento e reparación".

Un informe elaborado recentemente pola propia empresa revela que a substitución das luminarias convencionais por tecnoloxía led de alta eficiencia está a posibilitar un aforro estimado para o Concello de Sarria de 521.000 euros anuais de gasto enerxético.

Adquisición da Feculeira

A mediados do ano 2020, o goberno local de Sarria formalizou a adquisición da antiga Feculeira por un importe de 300.000 euros. A compra destas instalacións, que constan de 5.000 metros cadrados de superficie distribuídos en varias naves conectadas, "foi o primeiro paso dun plan para rehabilitalas e convertelas no gran espazo sociocultural, con auditorio incluído, que precisa a vila de Sarria".

Apertura da piscina climatizada

A finais do ano 2019, o goberno local de Camiña Sarria lograba abrir ao público a piscina climatizada, "despois de anos de espera a pesar de estar finalizada", afirmou.

Pero a inesperada irrupción da pandemia do covid-19 obrigaba a volver pechala temporalmente, período que a Concellaría de Deportes aproveitou para darlle un novo pulo coa creación dun ximnasio e a profesionalización da xestión para convertela no actual Centro Deportivo e Saúde Sarria, que mes a mes continúa a incrementar o número de usuarios.

Primeiros orzamentos municipais desde 2015

En abril de 2022, a pesar das dificultades de gobernar en minoría con sete concelleiros –naquel entón, seis de Camiña Sarria e un de Galicia Sempre–, o goberno local "conseguía sacar adiante os primeiros orzamentos municipais desde o ano 2015, que ascenderon a 12,2 millóns de euros e garantían a continuidade na prestación dos servizos públicos".

Aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT)

En outubro de 2022 o pleno da Corporación Municipal aprobaba por unanimidade a Relación de Postos de Traballo (RPT) elaborada polo goberno local para adecuar as funcións e as remuneracións de 121 empregados municipais. A pretensión do goberno local de Camiña Sarria era aplicar as condicións establecidas na RPT xa nos orzamentos de 2023, que finalmente non foron aprobados polos votos en contra do Partido Popular, o PSdeG-PSOE e Galicia Sempre.

Ampliación da rede de abastecemento de auga

O goberno local "logrou tres grandes fitos neste ámbito", como foi a posta en marcha do abastecemento aos lugares de Callás, Cesar, San Fiz de Reimóndez, Pape, Arxevide, Os Remedios e Vilar do Monte, despois dunha década do inicios das obras "sen que os dous gobernos anteriores foran capaces de activar o servizo".

Con posterioridade, adxudicou a extensión da rede de abastecemento de agua por 320.000 euros a nove lugares: Manán, A Veiga, Céltigos, O Mato, Tosal, Santo Estevo, Lousadela, Redondelo e Fondán. Máis recentemente, adxudicou noutros 780.000 a ampliación da rede de abastecemento de auga a Treilán e Betote; ás rúas Mazadoiro, Irmás García Vázquez e Xardíns San Vicente Paul; e aos lugares de Calvario, Vilaesteva, Fondo de Vila, San Salvador, A Pena, Mezur, Rosende, A Rañoá, Santa María de Vilar, Vilanova, Crecente e Vilapedre.

Estes últimos proxectos atópanse pendentes de execución á espera de informes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

Mellora das instalacións deportivas

Realizáronse investimentos de preto de 300.000 euros para a substitución das cubertas do pavillón de Oural e do pavillón da rúa Castelao; a dotación dunha nova pista de parqué e o arranxo dos aseos e a entrada no pavillón do Chanto; a mellora dos aseos do pavillón do instituto; e a instalación de luminarias led nos pavillóns, na pisicina cuberta e nas pistas de tenis exteriores.

Melloras en rúas, accesos e rede rural

Outra das prioridades do goberno local de Camiña Sarria foi a mellora das infraestruturas viarias, tanto no centro da vila, como fundamentalmente nas parroquias do rural, con proxectos destacados de aglomerado en quente como o da pista de Oural a Vilamaior.

Neste eido, outra das actuacións máis relevantes do goberno que preside Claudio Garrido foi a creación dunha brigada municipal de bacheo, que comezou a operar en 2021 e continuou en 2022 e no presente exercicio.