O Concello reabrirá ao tráfico a Rúa da Calexa de Sarria o vindeiro martes

"Había un compromiso de abrir antes de Semana Santa e vaise cumprir", asegura  o concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seijas
undefined
photo_camera Félix Seijas e un policía, na Rúa da Calexa, xunto ao soar. VILA

A Rúa da Calexa de Sarria, pechada dende abril do pasado ano, pola demolición do polémico edificio de sete alturas, quedará reaberta ao tráfico o vindeiro martes, segundo anunciou este xoves o concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seijas, quen supervisou o seu estado xunto coa Policía.

"Había un compromiso de abrir antes de Semana Santa e vaise cumprir", dixo Seijas, quen explicou que a apertura se retrasou ata o de agora por razóns de seguridade, á espera de que a empresa que acometeu a demolición fixese tamén un muro para separar o soar resultante da calzada, evitando así o risco provocado pola inclinación do terreo. A construción dese muro, dixo, foise retrasando, de xeito que o Concello, para non prorrogar máis o peche, tomou a decisión de reabrir o vindeiro martes, adoptando previamente medidas de precaución como a colocación dun valado provisional.

Seijas fixo un chamamento a condutores e peóns para que transiten con coidado pola Rúa da Calexa, non só polo estado do soar senón tamén polas irregularidades no firme desta estrada provincial, que se volverá cortar cando a empresa execute o muro.

A Policía Local fixo un informe esta semana tras observar que algúns vehículos circulan pola Rúa da Calexa pese a estar pechada con sinais informativos, pero sen obstáculos que limiten o tránsito, toda vez que a demolición do edificio leva tempo rematada.

Os axentes comprobaron tamén que a zona de obras están sen valar, o que podería ocasionar algún accidente entre peóns e usuarios, polo que aconsellaron instalar ese peche ou levantar o muro para poder reabrir, dado que se trata dun vial "de suma importancia" para a circulación de vehículos e evitaría o tráfico pesado e agrícola polas rúas Porvir e Padre Sarmiento, que dan acceso ao Concello, os xulgados, o campo da feira ou o parque de bombeiros, sinala a Policía.

Tras anunciar a reapertura da Rúa da Calexa, Félix Seijas foi moi crítico co PP polas queixas sobre esta vía. "É curioso que a única pregunta do PP sexa pola reapertura cando o peche foi motivado pola demolición dun edificio ao que este partido concedera licenza no ano 2006. Deberían estar contentos de eliminar ese exemplo de feísmo en lugar de criticar", declarou o edil, quen asegurou que o grupo de goberno si está satisfeito de erradicar "ese impacto visual no Camiño de Santiago".

Comentarios