O Concello pinta de novo a capela do Marqués para eliminar actos vandálicos

A Policía Local iniciou unha investigación para tratar de dar co autor ou autores dos feitos
A capela, coas paredes limpas de pintadas. PORTO
photo_camera A capela, coas paredes limpas de pintadas. PORTO

O Concello de Sarria pintou de novo a capela do Perpetuo Socorro, tamén coñecida como do Marqués e sita na Praza da Vila, despois de que o pasado novembro aparecera con numerosas pintadas nas súas paredes.

O persoal municipal encargouse destes traballos. A previsión inicial era tratar de limpar os desperfectos cun produto específico, pero finalmente optaron por pintar de novo o templo.

Os muros da capela presentaban raias e frases como Si no es dinero el regalo no vale, Merry Christmas o Mariposa. Tamén figuraba unha data, o 25 de novembro do 2021, posiblemente o día no que se fixeron as pintadas.

Tras ser descubertos os actos vandálicos, a Policía Local iniciou unha investigación para tratar de dar co autor ou autores dos feitos, que poderían ser constitutivos dun delito contra o patrimonio.

Naquel momento dende o Concello tamén solicitaron a colaboración cidadá para identificar os vándalos e pediron que, se algún veciño vira algo, que se puxera en contacto coa administración municipal ou coa Policía Local.

Por agora descoñécese quen foi o autor destes actos. Non é a primeira vez que este templo é vítima de feitos similares. Hai algo máis dunha década tamén apareceu cheo de pintadas nas paredes e con danos na cuberta.

A capela do Marqués é escenario habitual para o pregón de Semana Santa, evento suspendido nas últimas edicións por causa do covid e que se espera recuperar.

Comentarios