O Concello do Incio proxecta restaurar un muíño do río Cabe en Saa, na parroquia de San Pedro do Incio, que foi cedido por uns veciños. O obxectivo é facelo visitable nun futuro.
As obras de rehabilitación executaranse por fases, segundo a administración local vaia obtendo fondos. Por agora foille concedida unha subvención por un importe de 29.999,96 euros da Axencia Turismo de Galicia dunha liña de axudas para proxectos de mellora de infraestruturas turísticas dirixida a municipios de menos de 10.000 habitantes. Os fondos serán destinados a renovar a cuberta. Trátase dunha actuación de conservación para evitar que o inmoble continúe deteriorándose.
O Concello quere "pouco a pouco" rehabilitar o muíño do fin de que, "a longo prazo", os veciños e visitantes poidan coñecelo, apuntou o alcalde, Héctor Corujo. Por agora as instalacións non poden ser visitadas.
Desde o goberno local queren "poñer en valor" o inmoble e a súa contorna e que nun futuro poidan ser parte dunha ruta coa que dar a coñecer a zona, un lugar que "ten posibilidades", e a súa riqueza paisaxística e patrimonial. Por exemplo, a uns 400 metros do edificio, encóntrase a fervenza coñecida como de San Pedro.
Á administración local tamén quere poñer en valor outros muíños situados no núcleo de Trascastro, onde está en marcha unha aldea modelo. No fondo deste pobo hai dous, pertencentes a dúas familias, e gustaríalle mellorar a súa contorna nun futuro. Esta zona xa foi visitada o pasado verán pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para coñecer os proxectos do Concello no lugar.
OUTRAS AXUDAS. Por outro lado, con cargo á mesma liña de axudas da Axencia Turismo de Galicia foi concedida outra subvención na comarca de Sarria. Corresponde ao Concello de Samos e destinouse á execución dun camiño peatonal en Renche, tal e como publicou o Diario Oficial da comunidade autónoma. A axuda foi por un importe de 14.540 euros.
A senda é paralela á estrada que une Pedrafita do Cebreiro a Sarria (LU-633) e os traballos, xa executados, consistiron na creación dun paseo de zahorra, cunha anchura de 1,15 metros, e cun valo de madeira.