O Concello do Incio ofrece mascarillas aos veciños

Adquiriu un lote que espera recibir esta semana

O Concello do Incio comprou un lote de mascarillas "hixiénico-protectoras" que repartirá entre os veciños que as precisen unha vez as reciba ao longo desta semana. A administración local asegura que actúa así tendo en conta a recomendación do Goberno central de empregar mascarillas cando haxa que facer desprazamentos nos que resulte complicado manter a distancia de seguridade, e constatando tamén a dificultade de facerse con elas.

Segundo explica nun comunicado, as persoas que precisen este tipo de material poden chamar á casa consistorial (982.427014) e "levaránselles as que repartiu a Xunta de Galicia".

Unha vez que o Concello reciba o novo lote que vén de adquirir fará o reparto casa por casa, de xeito gratuíto e utilizando o equipo de goberno, o persoal municipal, membros de Protección Civil e axentes medioambientais.

A administración local subliña que o uso das mascarillas é unha medida complementaria ás "indispensables "de manter a distancia e lavar as mans.

Comentarios