Comeza a adaptación da Escola Fogar para acoller o alumnado do Frei Luis

Persoal do Concello desaloxou material e operarios contratados pola Xunta iniciaron obras nas novas instalacións para retomar as clases o luns. Só 46 escolares acudiron onte ás aulas
Traballadores do Concello de Sarria retiran colchóns e outro material da Escola Fogar. VILA
photo_camera Traballadores do Concello de Sarria retiran colchóns e outro material da Escola Fogar. VILA

Operarios contratados pola Xunta de Galicia e persoal do Concello de Sarria iniciaron este luns o acondicionamento da antiga Escola Fogar para poder acoller o alumnado que será trasladado dende o colexio público Frei Luis de Granada, que se atopa parcialmente apuntalado e no que se farán obras. Educación mantén a previsión de retomar as clases nesta nova localización o luns.

A Escola Fogar atópase no mesmo edificio do colexio Frei Luis, pero nunha parte que non está afectada pola aparición de fendas. No ano 2010 deixou de funcionar como tal e, dende entón, utilízase, por exemplo, para aloxar aos participantes en distintos campamentos que se celebran na vila.

Estas instalacións constan de doce habitacións, nas que se reparten preto de 200 camas, material que está sendo retirado por oito traballadores do Concello sarriao para poder habilitar as aulas nas que recibirán clases a partir da vindeira semana os nenos e nenas do Frei Luis. Destas tarefas de acondicionamento ocúpanse operarios contratados pola Xunta, que tamén comezaron onte cos traballos de instalación de calefacción e división dalgúns espazos.

Representantes da Asociación de Nais e Pais, así coma outros membros do consello escolar e o alcalde de Sarria acudiron a primeira hora da mañá ao colexio para seguir de preto o desenvolvemento destes labores, que agardan que se fagan coa máxima axilidade.

Segundo sinalou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a previsión é que as novas aulas estean habilitadas este mércores "e que as clases empecen con normalidade o luns que vén".

Mentres, a maior parte das familias segue optando por non levar aos nenos ao centro ata que a situación se estabilice. Só 46 alumnos, dos arredor dos 370 matriculados, acudiron onte ás aulas, 23 deles de educación primaria e outros tantos de infantil.

Con respecto a estes últimos, a súa actividade non se ve alterada porque, na súa maioría, ocupan un pavillón independente do resto do edificio. Sen embargo, hai dúas unidades de infantil que se sitúan na zona na que se farán obras de reforzo dos voladizos. Catro destes nenos acudiron ás aulas e estiveron atendidos xunto ao resto na zona habilitada para conciliación polo Concello, cuxos talleres se impartiron coma de costume.

Comentarios