O comercio sarriao sortea mil euros e reparte bolsas de tea durante o Nadal

Optarán ao premio económico todos os clientes que realicen compras nos negocios da Aces dende este luns e ata o día 31
Presentación de la campaña de Navidad de la Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (Aces). VILA
photo_camera A tenda Ara Moda acolleu a presentación da campaña de Nadal. VILA

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (Aces) sorteará durante estas datas de Nadal un premio de mil euros e repartirá bolsas de tea entre os clientes co lema ‘Sempre preto. Apoiando ao pequeno comercio mantés viva a túa vila’.

A campaña foi presentada este venres no establecemento Ara Moda polo presidente da Aces, Ricardo Arias, e a responsable deste comercio, Merce López, nun acto ao que tamén asistiron Noelia López e María López. Segundo explicaron, por terceiro ano consecutivo porase en marcha ‘O Lotón’, "cun premio moi apetecible" de mil euros ao que poderán optar todas as persoas que realicen compras nos comercios asociados dende este luns, día 14, e ata o 31.

O sorteo para coñecer o gañador celebrarase o 4 de xaneiro no bulevar da Rúa Calvo Sotelo e a persoa que resulte premiada terá que gastar os mil euros en negocios da Aces antes do día de Reis.

Con esta iniciativa, a asociación pretende premiar a fidelidade dos consumidores do pequeno comercio da vila, aos que tamén agasallará coas bolsas de tea.

Esta campaña coincidirá no tempo coa da Federación Galega de Comercio, na que se sortearán 10.000 euros repartidos en tarxetas prepago de 200 e 300, e na que tamén poderán participar os clientes sarriaos. Ademais, segue en marcha a campaña de fidelización www.clubccusarria.com, que permite acumular puntos que se converten en descontos.

Dende a Aces lembran que este é un Nadal "atípico" por causa da pandemia do coronavirus, o que non impide que a asociación aposte "por dar vida" a estas festas, embelecendo as rúas con iluminación e decorando os escaparates dos establecementos.

"O comercio e a hostalaría da vila desexan transmitir alegría e ilusión nestas datas, a pesar das circunstancias, con precaución e seguindo todos os protocolos de seguridade fronte ao covid", afirma a asociación, que fomenta o apoio aos negocios de proximidade.

Comentarios