Literatura e patrimonio son dúas características que identifican O Incio e que agora teñen o seu reflexo nuns murais que locen no polideportivo do colexio público Ricardo Gasset por iniciativa dos docentes e da Asociación de Nais e Pais (Anpa) do centro.
Segundo explica a súa presidenta, Elvira Campo, o obxectivo era darlle vida ao patio do colexio a través duns murais que lles falen aos nenos e nenas dos escritores vencellados ao Incio e do rico patrimonio cultural e arquitectónico da zona. Tratábase, en definitiva, de que o alumnado "coñeza a importancia do lugar no que vive, da súa propia cultura e que se sinta orgulloso dela", resume.
Para iso, pedíronlle axuda a Marica Campo, quen xa ten colaborado noutras iniciativas do colexio, e que se encargou de buscar textos de escritores ligados ao Incio. Para esta primeira fase do proxecto foron seleccionadas unha liñas da autoría de Ánxel Fole ("Eiquí todo é forte e bravo, a paisaxe, a fala i a xente") e outras da propia Marica Campo ("Nacemos á dureza do mármore, loitamos entre a néboa e o frío, imos no tempo para non esquecer, para vivírmonos").

Da creación destes murais encargouse o artista lucense Rubén Paz, quen firma como Trece Trazos e que xa estivo nomeado a mellor graffiti do mundo por un retrato de Don Quijote no colexio de Cervantes. Xunto cos textos, Rubén Paz plasmou na obra tres imaxes que aluden ao patrimonio do Incio e que foron seleccionadas polo Ceip Ricardo Gasset e a Anpa.
"Pasámoslle fotografías da igrexa do Hospital —templo románico construído en mármore— e da fonte da Ferrería, cuxas augas foron moi importantes para o noso concello hai anos", conta Elvira Campo. Segundo di, elixiron como terceiro elemento a figura do lobo por ser un animal que se menciona nas obras dos escritores e porque en Monteagudo aínda existe o Foxo dos Lobos, "un dos mellor conservados de Galicia".
Para financiar estes murais, a Anpa botou man dunha subvención que cada ano solicita á área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, coa que tamén organiza outras actividades como obradoiros musicais. Ademais, colaborou o Concello do Incio cunha achega económica e dándolle masas á fachada do polideportivo para poder traballar nela.
Tanto a Anpa como a comunidade educativa e o alumnado, formado 26 nenos e nenas, quedaron "moi contentos" co resultado do mural, que terá continuidade. Para iso, prevén contar de novo con Trece Trazos e xa teñen seleccionados dous novos textos, alusivos ás árbores e á auga e creados, respectivamente, polo enxeñeiro de montes Antonio Rigueiro e a enxeñeira agrónoma Montserrat Valcárcel, naturais do Incio.
Mentres, os mestres farán unha actividade arredor dos murais para explicarlles aos estudantes o valor dos escritores e do patrimonio, de xeito que "queiran o seu".