A Chopeto cambia a matanza

Dous veciños dos concellos do Páramo e de Baleira deseñaron unha máquina que simplifica o laborioso proceso de atar os chourizos a man e que xa están a comercializar con demanda
photo_camera Estamos en plena época de matanzas e, por tanto, en época de facer os chourizos, unha tarefa sempre tediosa, pero que nos últimos anos se viu facilitada polo enxeño. Neste vídeo que está circulando polas redes, vemos a máquina que empregaron nunha empresa de embutidos de Cancelo, en Triacastela, que taxa cada chourizo en apenas un segundo. O vídeo foi colgado en Facebook por Ariana Montero e compartido en varios grupos, converténdose en viral.

Hai xa varios anos que José Antonio Díaz e Pedro López, veciños do Páramo e de Baleira, respectivamente, decidiron utilizar os seus coñecementos en desenvolvemento de produtos electrónicos para idear unha máquina que simplificase o traballo de atar chourizos nas matanzas que se facían nas súas casas. O que comezou como unha necesidade do ámbito persoal acadou unha repercusión que en principio non agardaban e esta tempada empezaron a comercializar o seu invento, bautizado como Chopeto.

"Empezamos un pouco de broma, cunha máquina de atar chourizos para nós, non coa idea de vender, pero correuse a voz", explica o paramés José Antonio Díaz, propietario dunha copistería en Lugo. Xunto con Pedro López, quen traballa no sector dos recreativos, deseñaron un sistema que funciona por torsión e que non require fío para atar senón que emprega a propia tripa.

A súa máquina, fabricada en aceiro inoxidable, acóplase á de picar a carne do número 32, que é "a máis xeralizada" nos fogares galegos. Consta de dous pedais que pode manexar unha mesma persoa. "Cando pulsas un pedal embute e cando pulsas o outro xira a tripa unhas seis-sete veces", de xeito que o chourizo queda listo, sinala Díaz, quen aclara que neste proceso resulta necesario "atar o principio e o final da tripa".

VER MÁIS A 'ponte da matanza' pervive en Lugo

Os promotores da Chopeto aseguran que, malia non empregar fío, quedan ben atados. "A xente ao principio desconfía un pouco pensando que van perder zume e quere probar primeiro a máquina para comprobar o resultado. Ó secarse, pódelos dividir e cocer, que os chourizos non se soltan", din.

Dende hai un tempo reciben pedidos desta atadora, polo que se animaron a solicitar un modelo de utilidade, similar a unha patente por un período de dez anos. Segundo Díaz, rexistraron xa o nome, teñen en trámite unha certificación europea e preparan unha páxina web a través da cal comercializar o seu invento.

O prezo de mercado é de mil euros e, entre os seus clientes, atópanse grupos familiares ou de veciños que se unen para facer a compra e compartir a atadora, dado que cada vez hai menos xente no rural e o covid reduciu aínda máis as posibilidades de xuntarse para facer este traballo a man.

Segundo a versión de Díaz, o sistema permite "atar os chourizos de tres porcos nunha hora e media aproximadamente contando con tres ou catro persoas".

VER MÁIS 📹💡 Enxeño para a matanza: así fan os chourizos en Triacastela 🐷

No resultado inflúe tamén moito a pericia do operario. Entre quen xa ten no seu poder esta máquina está a empresa de Triacastela La Abuela Delfina, adicada á elaboración de embutidos. Os responsables deste negocio familiar ofrecen este ano a súa experiencia, trasladándose ás casas particulares coa atadora e seguindo protocolos sanitarios. A destreza coa que manexan os aparellos e atan chourizos circula estes días en vídeos polas redes sociales.

José Antonio Díaz non ten dúbida de que no futuro ás máquinas acabarán por xeralizarse para un traballo que se veu realizando tradicionalmente de xeito manual. "Se non é esta máquina será outra, pero eu creo que dentro duns anos todo o mundo vai estar atando así. É como cando viñeron as bañeiras. Nun tempo vai ser complicado estar atando a man porque é un traballo moi laborioso e non hai xente no campo", opina.

Comentarios