O certame de cantos de taberna de Sarria reunirá 16 grupos o día 25

A cita será noutros tantos bares da vila e rematará cunha cea na sociedade La Unión
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Roberto Quiroga, Claudio Garrido, Borja García, Reyes Abella e José Quiñoá, na presentación. EP

Dezaseis grupos e outros tantos establecementos hostaleiros de Sarria participarán o vindeiro día 25 na sétima edición do certame de cantos de taberna Estremonía Cantada, que se recupera despois dun parón pola pandemia do coronavirus.

A cita tivo moi boa acollida e xa foi pechada a inscrición, quedando dúas formacións fóra. Nesta ocasión toman parte músicos dos municipios de Sarria, O Saviñao, Vilalba, O Carballiño ou A Coruña, informou a organización, que corre ao cargo do Concello, a
asociación Peleriños e a sociedade cultural e recreativa La Unión.

Os participantes actuarán nos establecementos entre as seis e media da tarde e as dez e media da noite, tralo que o certame se trasladará a La Unión.

Os negocios e grupos estarán divididos en dúas rutas, bautizadas como branco e tinto. Na primera están incluídos os establecementos Tapas, Camiño Francés, Casino, Montecarlo, Xarope, Oceánico, D’Pont e Travesía, nos que actuarán Tokaide, Son de Outeiro, Os Parrandas, Son do Mao, Familia Rois, asociación cultural Andrade, Mestura de Nete e Cantareiros da Unión.

Forman parte da ruta tinto os locais Don Pepe, D’Orixen, Adarve, Roberto, Isla, España, As the Picas e El Faro. Por eles pasarán os grupos Testemuñas da Troula, Lendas Bohebrias, Os Estoupafoles, @s [email protected], Gaiteiros de Goián, Os Tabernos, Skachacunhas e Os Feroces da Galgueria.

A partir das dez e media da noite terá lugar unha cea en La Unión, amenizada por Cé Orquestra Pantasma. Está aberta a todas as persoas e os interesados poden retirar as entradas na sociedade a un prezo de dez euros. Arredor da doce e media cada grupo ofrecerá unha peza. A estas actuacións poden asistir todos os que o desexen, aínda que non participen na cea.

O certame Estremonía Cantada foi presentada polo alcalde, Claudio Garrido; a concelleira de Cultura, Reyes Abella; o presidente de La Unión, José Quiñoá; e por Roberto Quiroga e Borja García, da asociación Peleriños.

Comentarios