Cen persoas participan na homenaxe ao empresario de Samos Jaime Fernández

O evento estivo organizado pola Asociación de Comerciantes e Artesáns do municipio

Algúns dos asistentes á homenaxe de Jaime Fernández, celebrada no hotel A Veiga, Samos. PORTO
photo_camera Algúns dos asistentes á homenaxe de Jaime Fernández, celebrada no hotel A Veiga, Samos. PORTO

Un cento de persoas asistiron na noite do sábado á homenaxe ao empresario de Samos Jaime Fernández Lemos, organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns deste concello en recoñecemento á longa traxectoria do seu veciño no sector das castañas.

O acto tivo lugar no hotel A Veiga, onde Jaime Fernández, de 85 anos de idade, estivo acompañado de familiares e amigos. Coma agasallos recibiu a medalla de prata da Asociación de Comerciantes e Artesáns e unha maqueta da Capela do Ciprés, un dos principais monumentos da vila.

O empresario, nado en Samos no ano 1933, comezou a traballar sendo moi novo na Casa de Cortiñas de Sarria, mais pronto se iniciou pola súa conta na compra de fabas e patacas que despois vendería a outras tendas en cidades coma Madrid ou Barcelona.

Hai máis de 50 anos abriu xa o seu primeiro almacén de castañas en Samos ao que seguiría outro en Villafranca del Bierzo, en León. A empresa leva por nome Lemos e Balboa, froito da unión dos segundos apelidos de Jaime Fernández e da súa dona, Lidia Barrio. Hoxe son os dous fillos da parella os que continúan co negocio familiar, comercializando para países coma Italia, Francia ou Portugal.

Durante a cea celebrada no hotel A Veiga, o presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns, José Fernández, foi o encargado de adicarlle unhas palabras ao homenaxeado, de quen destacou a súa entrega á familia e a un traballo "esforzado, generoso y fecundo como las castañas que bendicen y crecen en otoños y otoños por nuestros paisajes".

"Estamos en esta velada con nuestro humilde homenaje, cariñoso y fraternal a un figura de nuestra vida colectiva, que representa los valores que tratamos de mantener de los antepasados y en su promoción para las nuevas generaciones", sinalou o presidente do colectivo organizador.

Jaime Fernández recibiu con emoción estas palabras e o afecto dos seus veciños e amigos, nun acto que congregou maioritariamente a samanenses, pero tamén a residentes noutros concellos.

A Asociación de Comerciantes e Artesáns, que por primeira vez organizou un evento deste tipo, prevé continuar, unha vez ao ano, coas homenaxes a persoeiros de Samos que destacaron nalgún aspecto ao longo da súa vida.

Comentarios