Celeiro loitará pola alcaldía do Incio, que perdera por cinco votos

A que fora rexedora do concello oito anos encabezará de novo a candidatura do PSOE
Laura Celeiro García. EP
photo_camera Laura Celeiro García. EP

A exalcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, será de novo a candidata do PSOE neste concello nas vindeiras eleccións de maio, nas que loitará por recuperar para o seu partido un bastón de mando que perdeu hai catro anos por só cinco votos de diferenza.

Celeiro (O Incio, 1981), licenciada en Dereito, accedeu á alcaldía en 2011 tras 24 anos de goberno de Ángel Camino. No primeiro mandato exerceu en minoría con só tres concelleiros e, nos comicios de 2015, acadou a maioría absoluta, que cedeu catro anos despois a favor do debutante Héctor Corujo nun axustado resultado de 602 votos fronte a 597, que lle reportaron cinco edís ao PP e catro ao PSOE.

Nesta nova etapa, Laura Celeiro presenta como aval os oito anos que estivo no goberno. "Convertemos a veciñanza no centro da vida política. Foron anos moi produtivos nos que aprobamos de xeito provisional o PXOM e puxemos os cementos para impulsar o turismo no concello", asegura.

Cita iniciativas como a Ruta do Mamut e dos Castros, "que naceu para dar a coñecer o noso patrimonio paisaxístico e histórico e que está abandonada polo PP, que prefire incentivar outros proxectos que nin xeran emprego nin actividade económica", opina. A candidata amósase convencida de que "os cidadáns saberán ver no noso proxecto iniciativas realistas, como xa fixemos hai uns días reclamando estender a hospitalización a domicilio á veciñanza". Proponse tamén "presidir un goberno que coloque os veciños e veciñas como protagonistas da vida política" e ve ao PP "alonxado das parroquias" e "incapaz de resolver os problemas diarios".

O secretario xeral do PSOE en Lugo, José Tomé, referiuse a Celeiro como "unha muller capacitada e preparada" que, pola súa experiencia como alcaldesa, "é boa coñecedora das necesidades do pobo e pode continuar co proxecto que comezou hai anos". O PP repetirá no Incio co actual alcalde, Héctor Corujo, e o BNG aposta pola deputada autonómica Carme Aira como nova cabeza de lista.

Comentarios