Catro iniciativas luguesas reciben en Sarria os premios ao desenvolvemento rural da Xunta

Cosmética Muuhlloa, cooperativa A Carqueixa, Innogando e María Dolores Vázquez foron os galardoados, xunto con Boaga, a asociación Ámbar, o GDR Mariñas-Betanzos e Abeiro da Loba
giphy
photo_camera O conselleiro xunto ao representante da Carqueixa; Muuhlloa recolle da man de Susana López Abella; Dolores Vázquez e Innogando recibe o premio entregado por Inés Santé; e Javier Arias felicita a María. VILA

Catro iniciativas con selo lucense recibiron onte en Sarria os premios da Xunta aos mellores proxectos a prol do desenvolvemento rural de Galicia. A sociedade cooperativa A Carqueixa, a cosmética Muuhlloa, Innogando e María Dolores Vázquez Carballés foron os galardoados nas categorías de paisaxe rural, mulleres, innovación tecnolóxica, e recuperación e posta en valor da terra agraria, respectivamente.

Durante o acto, celebrado no Pazo de Treilán e presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, tamén resultaron premiados a Federación de razas autóctonas Boaga (no apartado de sector agrogandeiro) e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos na modalidade de turismo. Pola súa banda, a distinción a proxectos de interese social recaeu no colectivo Ámbar do Barbanza –que traballa dende o ano 1982 polos dereitos das persoas con diversidade funcional– e o recoñecemento de mocidade foi para os promotores do aloxamento Abeiro da Loba, en Sobrado.

Cada un deles recibirá 10.000 euros que deberán investir en mellorar estes proxectos ou realizar actuacións complementarias.

As iniciativas luguesas acadaron recoñecemento na metade das oito categorías destes duodécimos premios ao desenvolvemento rural, aos que se presentaron 82 propostas (16 máis que no 2020).

A cooperativa de carne A Carqueixa agrupa a máis de 200 socios e xestiona arredor de 2.200 hectáreas de terreo nos Ancares. Tras recoller o premio, un dos seus representantes lembrou que levan xa 27 anos de traxectoria e que o seu labor é tamén moi importante na loita contra os incendios.

Ao vacún de carne tamén se adica a veciña de Muras María Dolores Vázquez Carballés, produtora de Ternera Gallega Suprema, quen onte deu o seu primeiro discurso nos seus 61 anos, agradecida polo recoñecemento a toda unha vida adicada a un sector que conleva moito "traballo e sacrificio".

Outras cinco mulleres, as da cosmética natural Muuhlloa, foron premiadas pola recuperación de explotacións en decadencia e a súa reconversión en innovadoras iniciativas. Na súa intervención, avanzaron que traballan nun novo proxecto de investigación.

A innovación tecnolóxica é o que caracteriza a Innogando, de Abadín, froito do traballo en equipo de dez rapaces que pensan que "sen a gandería o rural galego non tería sentido". Entre outras ferramentas, puxeron en marcha un asistente virtual para as explotacións de vacún que se basea na monitorización da xeolocalización e actividades que fan as reses.

O conselleiro do Medio Rural lembrou que estes premios recoñecen "o emprendemento, non só no terreo económico, senón tamén no eido social, cultural, da innovación ou da recuperación da terra". Nesta liña, destacou a importancia da Lei de recuperación e aludiu tamén a otros proxectos do seu departamento como a estratexia do sector cárnico ou a aposta pola remuda xeracional no agro.

Comentarios