Catro bois buscan quedar na terra

A gandería Montero López, ubicada na parroquia de Albán, está aberta a ofertas para vender uns exemplares de rubia galega de cinco toneladas que xa contan con reclamos a nivel nacional
Os irmáns Alfonso e Manuel Montero, xunto aos catro bois en venta. C. F. R.
photo_camera Os irmáns Alfonso e Manuel Montero, xunto aos catro bois en venta. C. F. R.

"En Galiza non se pide nada. Emígrase". Castelao utilizou estas verbas para dar voz ao auxe da emigración galega a comezos do século XX, pero case que desafiando as palabras do escritor de Rianxo, o gandeiro sarriao Alfonso Montero prefire pedir antes que emigrar. El leva unha explotación na parroquia de Albán con preto de 200 cabezas de gando, entre os que se atopan catro bois de raza rubia galega de cinco toneladas en total. "Son os mimados", di o gandeiro, que xa conta con varias ofertas de compra de empresas cárnicas de Madrid e do País Vasco, pero preferiría poder comercializar o produto "aquí na terra".

Montero está aberto a ofertas, pero o certo é que asegura que os seus bois, castrados con apenas un ano, son unha rara avis, no mellor dos sentidos, e por iso prefire tomarse o seu tempo para elixir o mellor postor. "Non están os tempos para correr", afirma o gandeiro da explotación Montero López, que di que o único que serve para levar unha explotación como a súa é "estar pendente as 24 horas", polo que vive a apenas uns 800 metros da granxa.

Os seus bois saen a pastar todos os días e levan unha alimentación a base de cereal, o que lles confire unha calidade "excepcional" asegura o gandeiro de 29 anos, que a pesar da súa xuventude conta con gran experiencia no sector. "Isto xa vén de familia", sostén Alfonso Montero, que encabeza a terceira xeración en dedicarse á gandería, sendo incluso o seu avó, Alfonso López, un dos fundadores da asociación da raza rubia galega.

"Levo xa once anos dedicándome a esto", di o sarriao, que colleu o relevo do seu pai, Manuel Montero, porque, aínda que cre que o sector está "moi infravalorado", el asegura que hai futuro se se sabe traballar ben e a diario, xa que o oficio "non ten vacacións". Así o aprendeu dos seus parentes, xa que dende que o seu pai "veu casar a Albán", o matrimonio dedicouse á gandería por completo, dándolle un maior impulso a partir do ano 1996, cando a parella mercou a actual finca.

Hai xa uns anos, a explotación comercializou un boi cacheno que se consumiu na cafetería Santiago, no paseo do Malecón en Sarria, e pensan que unha raza tan ben coidada como a dos seus bois, que son rubia galega, teñen grandes posibilidades aquí, en Galicia.

De récord: A vaca máis grande de Galicia en 2011
A explotación Montero López xa alcanzou cifras récord no 2011, cando lograron vender a que foi considerado por aquel entón a vaca máis grande de Galicia. Ela era Pastora, duns 1.380 quilos, que foi adquirida pola empresa monfortina Gutrei Galicia.

"Para nós no momento foi toda unha sorpresa", afirma Manuel Montero, o irmán de Alfonso, que aínda que el é profesor de música, sempre que pode está aí para botar unha man na explotación familiar e aínda recorda ese momento no que os medios chamaron á súa porta para preguntarlles polo segredo e á historia de Pastora.

Máis negocios: Xa no 2018 unha empresa cárnica de Salamanca mercou tres bois de raza rubia galega na explotación sarriá. Os exemplares pesaban preto de 1.400 quilos e tiñan entre cinco e sete anos. Agora, o fin de Alfonso Montero é continuar nesta liña e seguir distribuíndo carne, aínda que di que é necesario que a xente valore moito máis o produto local, xa que contan cunha excelente calidade no territorio.

Comentarios