A Casona da Cruz do Incio sufriu xa derrubamentos nunha fachada

A Deputación, propietaria deste edificio, prepara o proxecto para tiralo e levantar outro

Derrubamento nunha parede lateral da Casona. EP
photo_camera Derrubamento nunha parede lateral da Casona. EP

A Casona da Cruz do Incio, sita na capitalidade municipal, sufriu xa derrubamentos nunha fachada. O edificio é propiedade da Deputación, que anunciou que o tirará para levantar un novo de similares características.

O inmoble encóntrase abandonado desde hai xa tempo e en mal estado de conservación. Os últimos desprendementos producíronse en decembro e afectaron a unha parede lateral da construción. Os restos precipitáronse sobre a parcela na que se levanta o edificio e non afectaron á vía pública nin a outras viviendas.

A pasada semana o consello de administración de Suplusa (Sociedade Urbanística Provincial de Lugo) aprobou destinar 250.000 euros para a Casona. Na actualidade o organismo está redactando o proxecto para executar as obras, sinalou a alcaldesa do Incio, Laura Celeiro. Prevese que este ano se invistan xa os 250.000 euros nunha primeira fase da actuación.

O obxectivo é derrubar "todos os edificios que non sexan singulares", xa que a Casona está composta por varias construcións localizadas na parte traseira da propiedade, indicou. Segundo apuntou, proxéctase construír un novo inmoble retranqueado.

A situación da Casona xa ten xerado queixas en numerosas ocasións. Sen ir máis lonxe, este mesmo mes apareceu unha pintada nun valo de metal que separa a vivenda da rúa. Nela pódese ler "Se traspasa (Diputación de Lugo)".

A rehabilitación do inmoble é unha vella demanda do concello. No último pleno ordinario a corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción do BNG para instar ao ente provincial a acondicionalo. Este organismo xa anunciara no 2015 que destinaría 250.000 euros a restaurar o edificio, aínda que as obras quedaron paralizadas pouco despois. Agora opta por derrubalo polo mal estado no que se atopa, segundo dixo hai uns días o organismo.

Comentarios