A Casa dos Ulloa agarda por obras sete meses despois de sufrir un grande incendio

O Concello asegura estar pendente da resposta do seguro
 
photo_camera O edificio, de propiedade municipal, atópase na Rúa Maior, por onde pasa o Camiño de Santiago. VILA

A Casa dos Ulloa de Sarria, tamén coñecida como Casa das Arsenias e de propiedade municipal, agarda por unhas obras de consolidación sete meses despois do incendio, presuntamente intencionado, que asolou este histórico edificio da Rúa Maior.

Foi na noite do 4 ao 5 de setembro do pasado ano cando se desatou o lume neste inmoble, no que xa houbera varios conatos previos. As chamas causaron cuantiosos danos, que levaron ao Concello a encargar un informe técnico e solicitar permiso a Patrimonio para acometer unha serie de traballos para consolidar o edificio, situado en pleno Camiño de Santiago

Segundo indicou o alcalde, Claudio Garrido, a administración local atópase á espera de recibir unha resposta por parte do seguro para executar diversas actuacións na Casa dos Ulloa. Polo momento, xa se coñece que haberá que aboar uns 1.700 euros á vivenda colindante por desperfectos ocasionados con motivo deste incendio.

Haberá que pagar desperfectos nunha vivenda colindante

O informe encargado polo Concello aconsella realizar algunhas demolicións parciais para garantir a seguridade, entre as que cita parte do muro sobre unha porta posterior de acceso ou un engadido á vivenda feito de ladrillo.

Recomenda tamén a retirada de lousas de gran tamaño do teito polo risco de caída, toda vez que ardeu a estrutura madeira. Do mesmo xeito, ve conveniente selar os muros para evitar que a agua afecte á súa conservación e estabilidade. Outras medidas son de protección como tapiar os accesos ou valar todo o perímetro.

Dende o PP de Sarria foron moi críticos coa xestión realizada con este inmoble. Denunciaron a perda dunha subvención de 200.000 euros para rehabilitar a Casa dos Ulloa, axuda á que renunciou o Concello hai xa uns meses porque, segundo a súa versión, era imposible facer os traballos por motivos de prazos e de financiamento.

Os populares aseguraron que Patrimonio xa concedeu permiso para executar as obras que fosen precisas e onte volveron amosar "dúbidas" sobre unha futura venta do inmoble malia que o pleno xa o descartou por unanimidade.

Atopáronse bombonas de butano dentro
A investigación realizada na Casa dos Ulloa a raíz do incendio do mes de setembro apunta a unha orixe intencionada debido a que no seu interior se atoparon varias bombonas de butano, unha das cales chegou a estoupar, por sorte sen alcanzar a ninguén. A Policía Xudicial supervisou o inmoble como parte da investigación e o informe foi enviado ao xulgado de Sarria.
Uns 144.000 euros
A Casa dos Ulloa fora comprada no 2015 na suma de 144.000 euros, aportados na súa maior parte polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Nos últimos anos houbo proxectos para adicarla a oficina de rehabilitación ou pisos de alugueiro para mozos, entre outras propostas. O pasado xullo, este edificio sufriu outros dous pequenos incendios, de cuxa intencionalidade tamén se sospeita.

Comentarios