A Carreira da Muller de Sarria reúne unhas 400 persoas de todas as idades

Jorge García Cabanas e Tania García Novo foron os gañadores da proba, de cinco quilómetros de lonxitude
photo_camera Máis de 400 persoas, entre carreira e andaina, participaron na Carreira da Muller de Sarria. Os gañadores absolutos foron Jorge García Cabanas e Tania García Novo. O podio completouse con Rubén Vicente Ríos, Antonio Souto Prieto, Mirta Flores Cuesta e Mónica López Parada. VÍDEO: Ana Casanova

A recuperada Carreira da Muller de Sarria, que o pasado ano tivo que ser virtual por mor da pandemia, celebrou este domingo a súa quinta edición, na que reuniu unhas 400 persoas de todas as idades, segundo os cálculos do Concello, organizador en colaboración co club Running Sarria.

Este evento deportivo e reivindicativo, que leva por lema Vivas e visibles, consiste nun percorrido de cinco quilómetros por asfalto e sendeiros, que se pode facer na modalidade de carreira ou de andaina. Na primera delas participaron un cento de deportistas mentres que o resto, entre os que había moitos nenos e nenas, decantáronse pola segunda opción.

O alcalde, Claudio Garrido, foi o encargado de dar a saída dende o bulevar da Rúa Calvo Sotelo, acompañado do concelleiro de deportes, Félix Seijas, e de membros do club Running Sarria.

Os participantes vestiron a camiseta morada que lles entregou a organización. Inicialmente había preto de 600 persoas inscritas, pero a ameaza de chuvia provocou baixas. Malia que a tarde se presentou nubrada, finalmente o tempo respectou a carreira, na que resultaron gañadores absolutos Jorge García Cabanas, de Samos, cun tempo de 16.18 minutos e Tania García Novo, do club lucense Montepenarrubia, que completou o percorrido en 22.11 minutos.

Jorge García, do Triatlón Cidade de Lugo, xa vencera na última edición da Milla Urbana de Sarria, na que recibiu como premio o seu peso en produtos cárnicos, que doa ao comedor San Froilán.

Tanto este corredor como Tania García quixeron amosar o seu apoio á igualdade real e efectiva das mulleres que reivindica este evento. De feito, a deportista luguesa explicou que onte pola mañá participou nunha proba noutro concello e que se animou a correr de novo pola tarde en Sarria por ser a Carreira da Muller.

A organización correu a cargo do Concello e o club Running Sarria

Xunto a eles, completaron o podio Rubén Vicente Ríos (da Asociación Deportiva Cerne), Antonio Souto Prieto, Mirta Flores Cuesta (Trinat Galicia) e Mónica López Parada (Running Sport Trail).

A meta instalouse no paseo do Malecón, onde todos os participantes recibiron unha botella de auga de Fontecelta e un plátano de Canarias, e onde se entregaron os premios cos que se despediu a carreira ata o vindeiro ano.

Comentarios