Camiña Sarria ficha ao director teatral César No e a Borja García, de Peleriños

Os concelleiros Reyes Abella, Félix Seijas e Geni Valcárcel repiten na lista de Claudio Garrido, que renova a metade dos primeiros postos
Nuevas incorporaciones en la lista de Camiña Sarria
photo_camera Borja García, Martín López, Alba López, Claudio Garrido, César No e Ana Isabel Vergara. EP

Camiña Sarria, o partido do actual alcalde, Claudio Garrido, concorrerá ás vindeiras eleccións do 28 de maio cunha candidatura renovada na metade dos primeiros postos, para os cales ficha a César No, de 31 anos, director teatral, narrador oral e responsable de márketing na empresa Galimplant, e a Borja García, de 44 anos, informático, docente e secretario durante unha década da asociación cultural Peleriños.

Estes dous veciños ocupan o quinto e o sexto posto, respectivamente, dunha lista na que repiten nas primeiras posicións os concelleiros Reyes Abella (número 2), Félix Seijas (3) e Geni Valcárcel (4). Pedro López Quiroga (quen fora de terceiro nas eleccións do 2019) sae da candidatura e José María Escudero tamén se despide como edil ao figurar agora como suplente.

A teleoperadora de Inelcom Ana Isabel Vergara, de 46 anos, escala posicións con respecto ás últimas eleccións e sitúase no sétimo posto da lista, seguida do veciño de Maside Martín López Vázquez, de 64 anos, quen traballou no sector da construción e foi directivo da Sarriana.

No noveno posto, que para Camiña Sarria marca "o obxectivo mínimo a perseguir o 28 de maio", sitúase a letrada de Vilapedre Alba López Pérez, presidenta da Asociación de Xóvenes Avogados de Lugo e premio de honra no seu día do Máster da Avogacía.

Claudio Garrido mantén así o seu núcleo duro nas primeiras posicións, xunto con incorporacións de xente nova e activa en distintos ámbitos. Segundo di, trátase de "persoas solventes profesionalmente, que teñen os seus traballos e que non se meten en política por necesidade nin para vivir da política, senón para axudar a modernizar e transformar Sarria".

O líder de Camiña fíxase como meta "loitar pola maioría absoluta que nos permita gobernar durante os próximos catro anos coa estabilidade e coa autonomía que nos faltaron neste mandato".

Garrido recoñece o labor dos concelleiros Pedro López Quiroga e José María Escudero, cuxo traballo "axudou a consolidar Camiña Sarria como partido de goberno" e ten tamén palabras de agradecemento para José López, que ía na lista do 2019, e María Elena Real, que pasa ao número dez.