Mercedes Fernández: "O caldo galego é un dos pratos preferidos das persoas maiores"

Mercedes Fernández, natural do Incio e veciña de Sarria dende hai case medio século, recibiu unha homenaxe de despedida dos seus compañeiros da residencia de maiores da vila con motivo da súa xubilación tras case 40 de traballo neste centro. O xeriátrico agradeceu o seu labor. 

Mercedes Fernández. EP
Mercedes Fernández. EP

Cando empezou a traballar na residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria? 
Cando abriu. Empezamos catro persoas e a día de hoxe son a última que quedei. As outras tres eran camareiras-limpadoras. 

Entón é a máis veterana? 
Si, para o mes de setembro faría 40 anos. 

Onde aprendeu a cociñar? 
Tiña feito cursos e despois prepareime na escola de hostalería de Foz. 

Un día normal, cantas comidas facía? 
Noventa e pico, con distintas dietas. É complicado, pero despois de tanto tempo, lévase. 

Cantas persoas traballaban na cociña? 
Tres para cubrir as quendas, ata hai pouco que empezaron a ser catro. Foi bastante duro porque se necesitaba moito máis persoal. 

Cal era a comida que máis lle gustaba aos maiores? 
Un dos pratos preferidos era o caldo galego. Tamén a ensaladilla ou o cordeiro porque sabían que ese día había festa. 

Agradecerían que fose unha comida caseira... 
Si, non hai cátering, era todo como nunha casa. 

Con que queda de todos estes anos de traballo? 
Quizais o de cociñar para os anciáns. Teñen que estar nunha residencia e polo menos facerlles a comida como se estiveran na súa casa é moi importante. 

Como foi a cea de despedida? 
Pospúxose un pouco por culpa do covid. Foi un día bonito, pasámolo moi ben, foi moi divertido. 

A que se vai dedicar agora, a descansar? 
Si, que o necesitaba moito. Tamén camiñar e facer deporte.

Comentarios