"A cadeliña nunca o deixou só"

O ancián de Láncara atopado tras 14 horas desaparecido estivo acompañado en todo momento da súa mascota, de nome Lola
O veciño de Láncara e a súa cadela. EP
photo_camera O veciño de Láncara e a súa cadela. EP

Catorce horas estivo desaparecido un veciño de Láncara de 86 anos de idade, un tempo que se fixo eterno para os seus familiares pero durante o cal nunca permaneceu só. A súa cadeliña, de nome Lola, non se separou do seu lado. Saíu de paseo co seu dono ás cinco da tarde do venres e enriba del estaba ás sete da mañá do sábado, cando foi atopado deitado boca abaixo nun prado tras pasar xuntos unha noite á intemperie.

Aínda que se viviron momentos de anguria, a historia de Germán López, un veciño de Bustelo, na parroquia de Vilouzán, que padece alzhéimer, tivo final feliz. O octoxenario recupérase no hospital tras unha desaparición que deixou como notas positivas a gran mobilización para dar co paradoiro dunha persoa "á que todo o mundo lle quere" e a demostración unha vez máis da fidelidade que caracteriza ao mellor amigo do home.

"A cadela marchou con el e con el estaba. Non o deixou só en ningún momento, non o abandonou para nada", explica o fillo do desaparecido, que en nome da familia expresa o agradecemento "de corazón" a todas as persoas que participaron nos intensos labores de busca e que os apoiaron neses momentos de incerteza.

Un cruce de chihuahua

Segundo conta a neta do octoxenario, Lola é un cruce de chihuahua duns catro anos de vida e dous quilos de peso. Con só dous meses, levárona dende Samos para a casa de seus avós, Germán e Julia, en Bustelo, para que lles fixese compaña. A acollida non puido ter sido mellor. "Dende o primeiro día estiveron loucos coa cadeliña, que é moi cariñosa. Sempre que meu avó sae, sempre vai con el, sempre. Onde está meu avó, está ela", relata.

E o pasado venres non foi unha excepción. Por mor da enfermidade, o ancián colleu fixación cunha egua que tivo hai un tempo e todos os días vai á corte para ver se está. Aquela tarde saíu coa cadela dar un paseo coa teima de buscar a besta para levala de volta á casa. Pero non soubo ou non puido regresar sobre os seus pasos.

A cadeliña Lola. EP
A cadeliña Lola. EP

Ante a voz de alerta dos familiares estableceuse un dispositivo de busca no que chegaron a participar ata un cento de persoas, segundo as estimacións do alcalde, Darío Piñeiro, quen criticou non ter sido avisado polas autoridades competentes e enterarse por chamadas de terceiras persoas.

Garda Civil, Protección Civil de Cervantes, traballadores do Concello, familiares, amigos, veciños de Vilouzán e tamén doutras parroquias mobilizáronse para dar co octoxenario. Foi sobre as sete da mañá, momento no que a néboa despexara un pouco, cando o seu fillo, alumando cunha lanterna, descubriu o paraugas de Germán e, seguindo a pista, localizouno a 1,5 quilómetros da vivenda, nunha zona de forte pendente e lodo.

Deitada enriba del estaba Lola, que non ladrou en toda a noite, posiblemente polo medo que tiña no corpo. "Ela sempre ladra cando vén alguén e estrañábanos que berrásemos e non contestara. Pensamos que igual a levara un rego de agua. Despois dixéronnos que neses casos, cando é un can pequeno e está cunha persoa de noite, non ladra para non alertar e que ladraría cando fora de día. Pero tampouco. Estaba tan asustada que cando a colleron e a levaron para a casa nin comeu nin nada", conta a neta.

A familia baralla a hipótese de que o ancián sufrise unha caída e xa non puidese levantarse, pero a realidade do que aconteceu nas horas que estivo desaparecido descoñécese. Por fortuna, Germán saíra abrigado da casa, con botas de goma, e a noite non caeu fría coma outras. "Foi un milagre de Deus", di o seu fillo, aínda co susto no corpo e cheo de gratitude.

"Dixéronnos que neses casos un can pequeno non ladra para non alertar e que ladraría cando fora de día. Pero tampouco. Estaba tan asustada que cando a levaron para a casa nin comeu nin nada"

No hospital de Lugo puxéronlle unha lámpada de calor e aplicáronlle tratamentos para recuperarse. Alí seguía ingresado este domingo á espera de repoñerse e poder volver coa súa familia. A partir de agora el e súa muller residirán en Samos e, xunto con eles, mudarase a cadela. "Lola sempre foi especial e agora máis", asegura a neta.

Xunto coa solidariedade e concienciación con enfermidades como o alzhéimer que afectan a tantas persoas e a importante axuda veciñal e de medios nun caso de desaparición, a neta saca outra lectura do sucedido: a necesidade de valorar os animais "porque nunca te deixan de sorprender".

Comentarios