O Cabaleiro de Santiago volve ao seu berce en Paradela

Paradela celebra o seu bicentenario como Concello cunha escultura en recordo da orde fundada no século IX en Santa María de Loio ► Varias exposicións sobre a historia local poderán verse no edificio multiusos e dúas delas percorrerán outros municipios galegos
Xulio Xiz, Javier Arias, Cándido Pazos, Román Rodríguez e José Manuel Mato, xunto á escultura. VILA
photo_camera Xulio Xiz, Javier Arias, Cándido Pazos, Román Rodríguez e José Manuel Mato, xunto á escultura. VILA

Un Cabaleiro de Santiago realizado en bronce policromado e obra de Cándido Pazos, preside dende este mércores a vila de Paradela en recordo daquela orde fundada no século IX en Santa María de Loio para protección dos peregrinos e do sepulcro do Apóstolo Santiago. Coa inauguración desta escultura arrancaron os actos de celebración do bicentenario do Concello de Paradela, que congregaron a multitude de veciños e autoridades nun día soleado.

"A memoria dos Cabaleiros de Santiago volve ao seu berce, para sempre", declarou o alcalde, José Manuel Mato, acompañado, entre outros, do conselleiro de cultura, Román Rodríguez.

"Orgullo" foi quizais a palabra que máis se escoitou es  mércores en Paradela. Pronunciouna o conselleiro, quen incidiu "na importancia que ten para un pobo recoñecerse na súa historia e sentirse orgulloso do que é". Pero tamén saíu da boca do porteiro Diego López e doutros veciños do municipio.

O porteiro Diego López proclamou o "orgullo" de representar a Paradela. VILA

Moitos deles, como Felicitas López, non ocultaban o seu entusiasmo ao percorrer unha exposición con máis de 700 fotos antigas de Paradela e das súas xentes. Foron recompiladas coa axuda da Asociación de Mulleres, cuxa presidenta, Rocío Domínguez, definiu a mostra como "un encontro coas raíces da nosa identidade" e avanzou que seguirán reunindo imaxes.

Ademais desta exposición, que supón o punto de partida do arquivo fotográfico do concello, o edificio multiusos acolle dende este mércores outras dúas mostras, unha delas sobre a historia de Paradela e outra sobre o escritor local Manuel Rodríguez López, que viaxarán por varios puntos da xeografía galega entre setembro e decembro.

Na celebración deste bicentenario (que se cumpriu no ano 2020 pero tivo que adiarse ata agora por mor do covid) participaron tamén o investigador Xaime Félix López Arias, quen fixo un repaso pola historia local, e a ilustradora Estefanía Padullés, quen destacou a hospitalidade das xentes de Paradela, onde atopou o seu fogar.

Os veciños amosáronse "emocionados" coa exposición de fotos antigas. VILA

A compañía Endesa, representada por Julio Lozano, sumouse tamén a uns actos que conduciu Xulio Xiz. Segundo comentou o presentador, foron só o inicio dun bicentenario que continuará ao longo do ano con homenaxes aos músicos de Paradela, recuperación de romarías, un ciclo de cine ou a publicación de varios libros.

No evento non faltou tampouco a parte musical, a cargo do cantautor de Becerreá Alfredo González Vilela, quen interpretou dous temas baseados en poemas do paradelense Manuel Rodríguez.

Tras unha mañá chea de emocións e antes de dar paso a un aperitivo con viño da Ribeira Sacra, interviron dúas mozas da zona, María Bergantiños Domínguez, de Santa Cristina, e Lidia Regueiro Arias, de Aldosende. Estudan terceiro da Eso e son conscientes de que a súa formación implicará alonxarse do seu "querido pobo". "Pero sempre pensaremos en voltar á nosa terra, sempre seremos de Paradela e levaremos o noso pobo por bandeira", aseguraron.

Os actos reuniron a numerosos veciños e alcaldes de varios concellos.VILA

Comentarios