O BNG de Sarria reclámalle ao Concello que o CIM volva estar plenamente operativo

Di que o Centro de Información á Muller leva meses nunha situación "preocupante"
Sede do CIM de Sarria. EP
photo_camera Sede do CIM de Sarria. EP

O BNG de Sarria levará o mércores a pleno unha moción instando ao Concello a poñer de novo plenamente operativo o Centro de Información á Muller (CIM) logo duns meses nos que arrastra unha situación "moi preocupante".

Segundo explica, este centro, que ten a súa sede na Casa do Marqués, leva meses "sen dirección e coa reubicación física dalgunha das traballadoras", o que motiva que o servizo, que xa estaba "desbordado" por atender a mulleres de toda a comarca cuns medios "moi limitados", se atope agora "pouco menos que inoperante".

O BNG lembra que esta situación, que xa denunciou hai tempo, está "estancada", sen proporse ningunha solución para recuperar esta "importante" prestación.

O Concello de Sarria sacou a concurso a praza de director e asesor xurídico do CIM, se ben a persoa nomeada non chegou a tomar posesión porque a Consellería de Emprego e Igualdade non validou esa designación en base, segundo dixo, a un informe da súa asesoría xurídica, o que levou á administración local a presentar un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para o BNG, "as mulleres da comarca non poden estar desatendidas por mor dunha discusión entre o Concello e a Xunta", polo que insta á administración local a restituír de forma inmediata o cen por cento dos servizos que estaba a prestar o CIM ao tempo que lle reclama á Xunta máis financiamento para dotar a estes centros do persoal necesario.

Esta mesma semana, o PP denunciou que o Concello ten que devolver unha axuda autonómica de 31.500 euros que lle fora concedida para o CIM por non cumprir cos requisitos mínimos esixidos.

Os nacionalistas consideran "inadmisible" que, nun momento de "imparable empuxe do feminismo", Sarria careza dun servizo que presta apoio a vítimas de violencia de xénero e que supón unha ferramenta "esencial" para facerlle fronte a esta lacra a axudar ás mulleres a "refacer as súas vidas".Segundo datos do 2021, houbo 20 denuncias por esta causa.

Comentarios