A Bienal de Arquitectura selecciona proxectos en Paradela e no Saviñao

O plan de revitalización e o Miradoiro da Cova foron as propostas elixidas na provincia ► A convocatoria, con case 600 obras, está organizada polo Ministerio de Transportes
O miradoiro. ABADÍA DA COVA
photo_camera O miradoiro. ABADÍA DA COVA

A décimo quinta edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, convocada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, vén de seleccionar dous proxectos na provincia de Lugo: o plan de revitalización e axenda rural de Paradela, promovido por este concello, e o Miradoiro da Cova, no Saviñao, iniciativa da adega Abadía da Cova.

Preto de 600 obras se presentaron a esta convocatoria, que premiará o máis relevante da arquitectura e do urbanismo dos últimos tres anos (2018-2020) a través de 20 proxectos. Polo de pronto, foron seleccionados 100 e outros 70 elixidos finalistas.

Entre ese cento de obras atópase o plan de revitalización de Paradela, realizado polo estudio MMASA, baixo a dirección de Luciano Alfaya e Patricina Muñiz. O Concello encargou este traballo, segundo explicou, "para anticiparse ao cambio de paradigma derivado da pandemia" e redactar "unha serie de documentos para a planificación estratéxica do territorio". Pretende así mudar as dinámicas de perda de poboación e poder optar a fondos europeos cun modelo de asentamento que cobra máis importancia cos cambios que trouxo consigo a pandemia.

Este plan de revitalización, para o cal houbo enquisas e reunións cos veciños, baséase en catro eixes: o medioambiental, cos valores ligados ao paso do río Miño e os hábitos de vida saudables; a rehabilitación de construcións baleiras; a mobilidade, facilitando a conexión coas parroquias e facendo espazos máis humanizados; e o turismo, con especial atención ao Camiño de Santiago.

As obras seleccionadas e finalistas desta convocatoria foron elixidas "según criterios de calidad, pertinencia, vocación social y cultura o innovación"

Para o Concello de Paradela, a selección deste plan dentro desta Bienal supón a proba de que "imos polo camiño adecuado a esperemos que dea os seus froitos".

O outro proxecto elixido na provincia de Lugo é o Miradoiro da Cova, unha obra de Arrokabe Arquitectos, formado por Óscar e Andrés Quintela, para a adega Abadía da Cova, que xa foi premiado noutros certames.

Trátase dunha estrutura aberta que se apoia nun muro dos bancais característicos da Ribeira Sacra, nunha das paisaxes máis recoñecidas desta zona como é O Cabo do Mundo. Foi creado cunha combinación de madeira e cunha estrutura metálica coa idea de que a vexetación envolva este espazo -no que xa se celebraron concertos no pasado-, para unha integración total na contorna.

DOBRE SEDE. A Bienal de Arquitectura é unha cita cultural que se celebrará este verán cunha dobre sede física, en Barcelona e en Valladolid, e unha virtual, baixo o lema España vacía, España llena. Estrategias de conciliación.

As obras seleccionadas e finalistas desta convocatoria foron elixidas "según criterios de calidad, pertinencia, vocación social y cultura o innovación". "Son obras que responden a los retos de la sociedad, que se vinculan y enraizan con los lugares en los que asientan y que aportan soluciones para mejorar el contexto social y cultural en el que operan", destacou o xurado desta edición.

Comentarios