miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Atención "familiar" preto do fogar

Unha usuaria fai un crebacabezas nunha das Casas do Maior de Triacastela. EP
Unha usuaria fai un crebacabezas nunha das Casas do Maior de Triacastela. EP
Tres Casas do Maior abren en Triacastela, que se converte no concello galego, xunto con Vilanova de Arousa, con maior oferta ► As promotoras destas vivendas destacan o arraigamento dos usuarios na súa contorna. "Para eles é como se estivesen na casa", din

Con tan só 627 habitantes, dos cales 224 superan os 65 anos de idade, Triacastela é un dos concellos máis pequenos de Galicia e, como tantos outros, cunha poboación dispersa e envellecida. Dende hai uns días sitúase tamén á cabeza da comunidade, xunto con Vilanova de Arousa, na oferta de Casas do Maior, un novo servizo gratuíto e cun trato "familiar" pensado para aqueles municipios que non teñen outros recursos de atención diúrna á terceira idade.

Ata tres vivendas, financiadas pola Consellería de Política Social, veñen de abrir as súas portas en Triacastela (catro son as previstas no concello pontevedrés) para atender durante o día a maiores de 60 anos, tanto dependentes (en graos I e II) como autónomos.

Atópanse no casco urbano da vila e nas parroquias de Vilavella e Cancelo, e botaron a andar cun usuario en cada caso. Da súa atención encárganse tres veciñas, conscientes de que os inicios son lentos, pero confiadas en completar as cinco prazas que oferta cada unha delas en canto se coñeza un pouco máis o seu funcionamento. Porque, segundo din, "para os maiores é como se estivesen na súa casa", con persoas da súa contorna e preto dos seus fogares.

Casa do Maior Escola de Vilar (Vilavella, Triacastela)

Vilavella: Escola de Vilar
Mari Carmen Doval Núñez abriu a Casa do Maior Escola de Vilar nunha antiga vivenda de mestres, na parroquia de Vilavella. Atende de 9:00 a 17:00 horas e oferta o servizo de comidas.


"Hai un señor que veu coñecer as instalacións e quedou moi contento porque desde unha das ventás pode ver a súa casa. Agora está pendente de valoración para facerse usuario deste servizo", explica Mari Carmen Doval Núñez.

Esta veciña é a promotora da Casa do Maior Escola de Vilar, situada na vivenda de mestres do antigo colexio. O inmoble (parte do cal mantense como local social para o pobo) xa fora acondicionado hai tempo polo Concello, ao que Mari Carmen pagará agora un alugueiro por facer uso das instalacións, ás que dotou de mobiliario e doutros pequenos arranxos.

"Estudei aquí sendo nena e volvo agora de maior, casualidades da vida", di entre risas. No seu caso, nunca traballara neste sector, pero afronta o proxecto con ganas. "Merécenme moito respecto os maiores e creo que sempre aprendes moitas cousas deles", afirma esta veciña, quen define o novo servizo como un "centro de día pero máis familiar".

Na súa opinión, estas casas aportan "unha tranquilidade moi grande para os familiares, porque os maiores están atendidos mentres eles traballan, e tamén para os usuarios, porque saben que á noite volven á súa casiña".

PROXIMIDADE. Neste aspecto coincide Marta Silvosa Pérez, da Casa do Maior D'Prado, que comezou a funcionar nunha vivenda restaurada para este proxecto en Folgueiras, na parroquia de Cancelo. "No tempo que os maiores pasan aquí, as familias están despreocupadas de se lles pasa algo. E non é igual que ir a un sitio no que non os coñecen", comenta.

Casa do Maior Casa d'Prado (Cancelo, Triacastela)

Cancelo: Casa d’Prado
En Folgueiras, na parroquia de Cancelo, está a Casa d’Prado, asistida por Marta Silvosa Pérez, de 9:00 a 17:00 horas. Ocupa un inmoble restaurado e ofrece comida e transporte.


Para Marta Silvosa, quen ten experiencia como xerocultora e auxiliar de enfermería, as Casas do Maior presentan tamén a vantaxe de que, ao ser poucos e dunha contorna próxima, "están máis atendidos". "Aquí realmente estás para eles todo o tempo, podes prestarlles máis atención e coñécense este si", sinala a coidadora, quen cre que os usuarios valoran especialmente o feito de estar acompañados e a opción de ter a comida, cun custo de cinco euros por día no que se inclúe almorzo e xantar ou ben xantar e merenda.

COMPAÑÍA. "Agradecen moito a compañía, facemos actividades, pasan mellor o tempo e as familias están máis aliviadas porque os coidadores tamén necesitan ser coidados", apunta Erica Casanova Quiñoá, da Casa do Maior Xeroser, que abriu na planta baixa dun edificio no número 3 da Rúa Camilo José Cela de Triacastela, na capitalidade municipal, nun local que foi comedor do restaurante Vilasante e que se reformou para acoller o novo proxecto.

Esta moza, quen tamén traballou como xerocultora en residencias, sostén que as Casas do Maior son "totalmente distintas" a un xeriátrico. "Aquí o trato é máis familiar, máis próximo, están como na casa", indica Erica, que a nivel persoal tamén valora poder conciliar a vida laboral e familiar.

Casa do Maior Xeroser (Triacastela)

Casco urbano: Xeroser
A casa Xeroser é unha iniciativa de Erica Casanova Quiñoá, nun baixo da avenida Camilo José Cela que antes foi restaurante. O seu horario é de 10:00 a 18:00, tamén con opción de comida.


Nas tres casas que entraron en funcionamento en Triacastela os maiores fan ximnasia e outras actividades durante a súa estancia, para mantelos activos e, no caso dunha deterioración cognitiva, axudar a que non avance.

"Eu, por exemplo, fago moita psicomotricidade, orientación á realidade, manualidades ou xogos", di a xerocultora, quen agarda que pronto se poidan incorporar tres usuarios máis que fixeron a correspondente solicitude nos servizos sociais do Concello.

As coidadoras das tres Casas do Maior de Triacastela están desexando "que veña máis xente, porque para os maiores tamén é mellor e motívanse máis".

Atención "familiar" preto do fogar
Comentarios