O artista Diego As deixará a súa pegada na Pobra cun mural de gran tamaño

A obra fará alusión ao pasado ferroviario da localidade e outros elementos singulares de Láncara ► A idea é que os traballos comecen no verán
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Diego As foi recibido por Darío Piñeiro e Pablo Rivera. EP

O artista Diego As —autor de murais como o Julio César de Lugo (elixido o mellor do mundo en 2021) ou o retrato de Elías Valiña en Sarria— deixará tamén a súa pegada na Pobra de San Xiao cunha obra de gran tamaño alusiva ao pasado ferroviario da capitalidade lancará e a outros elementos singulares deste municipio.

Segundo avanza o grupo de goberno, o mural de Diego As terá unhas dimensións duns 300 metros cadrados e ocupará unha fachada da Pobra aínda por concretar.

O Concello xa ten falado cos propietarios de tres posibles edificios, pero a decisión final dependerá tamén das características do debuxo elixido. "A previsión é que o artista presente varios bosquexos dos que escolleremos o que mellor se adapte", explica.

A elaboración do mural comezará en verán nun lugar moi visible da vila, que pode ser no centro ou nalgún dos principais accesos. "Será algo inédito e irrepetible que mudará a cara da capitalidade do concello e que debe servir para sacar a relucir o noso orgullo lancarao", afirman dende o goberno.

Para tratar todos estes detalles, o rexedor socialista, Darío Piñeiro, e o tenente de alcalde, Pablo Rivera, recibiron hai uns días a Diego As no salón de plenos. Aproveitaron o encontro para transmitirlle o seu desexo de que sexa unha obra "única e orixinal", relacionada co mundo ferroviario que tanta importancia tivo na Pobra e con outros sinais identificadores de Láncara como a gandería ou a emigración.

Liberdade creativa

A partir de aí, o recoñecido artista "ten que ter a liberdade suficiente para deixar a súa pegada", sinala o grupo de goberno, que pretende facer deste mural "un tributo ao noso pasado e, ao mesmo tempo, un punto de referencia para os visitantes".

O Concello habilitou durante o último pleno unha partida de 17.908 euros para acometer esta actuación con cargo ao remanente de tesourería. Segundo o alcalde, trátase da cantidade máxima prevista, o que non quere dicir que o custo final alcance esta suma.

O goberno lancarao tivo clara a súa aposta polo lugués Diego As por ser "un dos artistas urbanos máis demandados e consolidados". "Contar con el é unha oportunidade excepcional", di.

Destaca tamén a boa predisposición do autor a asumir este encargo e traballar na zona. "Non o dubidou un instante. Nótase a súa implicación co territorio e sabemos que acertará", conclúe.

Comentarios