A artesanía regresa á Ponte de Lóuzara

Preto de 15 postos e decenas de veciños e visitantes déronse cita nun contorno idílico para retomar a décimo terceira edición da feira, que tamén contou con animación musical tradicional e a actuación dunha charanga
Diferentes momentos da feira da ponte de Loúzara. S. IGLESIAS
photo_camera Diferentes momentos da feira de Artesanía e Produtos Naturais de Samos. S. IGLESIAS

Dous anos despois e cunha pandemia polo medio, o idílico souto da Ponte de Lóuzara, en Samos, volveu sentir barullo debaixo das súas árbores como viña sendo habitual cada 17 de agosto con motivo da celebración da Feira de Artesanía e Produtos Naturais, que onte cumpriu a súa décimo terceira edición.

Nun marco incomparable déronse cita varios artesáns, autoridades e decenas de veciños e visitantes aos que se lles mesturaban a prudencia e as ganas de volver festexar.

Este martes regresaron timidamente á Ponte de Lóuzara uns 15 postos, unha cifra moi afastada daqueles 40 ou 50 que se reunían ultimamente. Sábeo ben José Antonio López, do Páramo, que non perdeu nin unha soa edición desta feira. "Veño desde o primeiro ano, pero tamén levo percorrido moitas de Asturias, da Coruña, Ourense e Pontevedra e todas as de Lugo", lembraba detrás do seu mostrador ateigado de navallas -algunha feita con corno de corzo-, coitelos e aparellos de madeira. A deste martes foi a súa primeira toma de contacto con estas celebracións "desde o ano pasado".

Outro rostro coñecido entre os asistentes é o de Lourdes Pombo, que acode á Ponte de Lóuzara desde que fundou a súa empresa, Torta de Sarria, en 2015. A esta aldea de Samos leva a súa repostaría tradicional, como é a torta de améndoas e castaña, pero tamén receitas actualizadas, como as galletas de cacao veganas ou as pastas feitas con xarope de arce en lugar de azucre. E ela, coma tódolos presentes, considera que o ambiente que se respiraba este martes foi bo e que serviu para quentar motores e "volver arrancar despois de tanto tempo".

O ente provincial fixo unha achega de 4.000 euros para a celebración desta cita, recuperada en 2008 pola asociación Fonte da Cova

Pola súa parte, Antonio López, de Paradela, regresou á feira de artesanía por segunda vez e case por sorpresa. "Entereime hai nada, pensei que non a había", expresaba entusiasmado un home que domina a madeira ata convertela en pucheiros, utensilios de cociña, cestos, machados ou espadas. Tamén coa madeira, pero con distinto fin, traballan desde Morocha Design, firma que acode desde 2009 desde Barreiros. Con eles van ducias de xoguetes, boa parte feitos á man, que convidan a deixar voar a imaxinación.

E para paciencia a de María Quiroga, de Samos, que leva baixo o brazo obras feitas con pó de cuarzo, ferro, mica, wolframio ou lapislázuli -que trae de Chile-, entre outros materiais. "Vou recoller as pedras ao monte, esmágoas, lávoas, penéiroas e co resultado, fago os cadros", explica a artesá, que dedica, como pouco, dous días a crear os seus traballos.

Produtos gastronómicos, xeles naturais ou xoias déronlle vida a un evento recuperado en 2008 pola asociación Fonte da Cova, coa colaboración do Concello, para rememorar aqueles tempos nos que A Ponte de Lóuzara contaba con sete tabernas abertas e os 17 de cada mes convertíase nun centro comercial ao aire libre.

"Esta cita contribúe a dinamizar a vida social e económica de Samos", dixo o presidente da Deputación, José Tomé, que visitou a feira acompañado, entre outros, polo alcalde en funcións, José Antonio García. O ente provincial aportou 4.000 euros para esta celebración, na que houbo animación musical da man dun grupo de gaiteiros e a charanga NBA, así como unha polbería e cantina.

Comentarios