A arte urbana chega ás paredes de Sarria

Aos murais de Xela Arias e Mario Mato, obra de Mon Devane, unirase un retrato de Elías Valiña encargado polo Concello a Diego As ► A sociedade La Unión proxecta tamén un concurso de ideas para embelecer cun graffiti unha das fachadas que dá aos seus xardíns
undefined
photo_camera A imaxe de Xela Arias ocupa unha parede na rúa de Sarria que leva o nome da poeta. VILA

A vila de Sarria non é allea ao bo momento que está a atravesar a arte urbana. Dende hai uns meses, son varios os murais que embelecen as fachadas da localidade nunha forma de expresión artística que vén para quedarse. A retratos como os da poeta Xela Arias ou o empresario Mario Mato unirase o de Elías Valiña, impulsor do Camiño de Santiago, unha obra que promove o Concello e da que se ocupará o campión de España de graffitis, Diego As.

Aínda que no pasado houbo pequenas incursións no mundo dos murais -como o realizado no 2015 no paseo do Malecón polo colectivo Otro Prisma-, foi neste 2021 cando esta arte viviu o seu particular boom en Sarria.

A principios de ano, unha das fachadas da Praza de Galicia transformouse coa imaxe do empresario de Portomarín Mario Mato, quen xestiona desde hai máis de dúas décadas unha casa de turismo rural sostible. O artista galego Mon Denave firmaba este retrato, que integra a serie 'Las Estrellas del Camino', adicada a distintos persoeiros da ruta xacobea dende O Cebreiro ata Compostela.

Como parte deste mesmo proxecto de Estrella Galicia, Mon Devane recreou tamén ao luthier sarriao Xermán Arias nunha parede próxima ao albergue de peregrinos de Triacastela.

O Concello de Sarria fixouse neste autor e encargoulle materializar unha idea que xa tiña en mente: un mural adicado á poeta local Xela Arias, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. E que mellor lugar para tal retrato que a rúa que leva o seu nome en base a un acordo plenario tomado no mes de febreiro. A obra, próxima á capela de San Lázaro, foi inaugurada en maio e, dende entón, converteuse nun dos espazos da vila máis fotografados.

Segundo avanza a concelleira de cultura, Reyes Abella, nos vindeiros meses poderá verse a gran tamaño outro dos persoeiros sarriaos, o sacerdote Elías Valiña, coñecido como 'O cura do Cebreiro'. A súa imaxe centrará un mural que elaborará o lucense Diego As e e que ocupará unha fachada aínda sen concretar pero, en todo caso, no traxecto do Camiño Francés ao seu paso polo localidade. Non podía ser doutro xeito, sinala a edila, cando se trata de "reivindicar" unha figura fundamental no impulso da ruta xacobea, cuxo retrato irá acompañado da frecha amarela que el instaurou.

Será o quinto traballo de Diego As en Sarria (e o de maiores dimensións) tras a obra colectiva do Malecón, unha paisaxe no bar Parisien e, máis recentemente, un Castelao para a galería Sargadelos e dous graffitis nas piscinas municipais do Chanto.

O interese polos murais non só procede da administración local e da iniciativa privada, senón tamén das asociacións. É o caso da sociedade cultural La Unión de Sarria, que leva tempo pensando en darlle unha nova vida a unha fachada que dá cara aos seus emblemáticos xardíns, un proxecto para o cal busca financiamento.

Segundo explica o seu presidente, José Quiñoá, a intención é promover un concurso de ideas para elixir a mellor proposta e lograr un mural "representativo de todo Sarria" que aporte outra visión artística nuns xardíns "únicos".

undefined
Piscinas: motivos alusivos á auga 

Os muros das piscinas municipais do parque do Chanto contan dende o pasado mes cunha obra de Diego As, que se decantou para este traballo por unha composición relacionada coa auga.
undefined
Praza de Galicia: Estrelas do Camiño

Nunha das fachadas da Praza da Galicia loce o retrato do veciño de Portomarín Mario Mato, realizado por Mon Devane dentro dun proxecto de Estrella Galicia no Camiño de Santiago.
undefined
Galería Sargadelos: Castelao

A galería Sargadelos de Sarria vén de incorporar no seu exterior unha réplica da emblemática figura de Castelao, debuxada sobre unha chapa polo recoñecido artista Diego As.

Comentarios