O armario das mulleres aldeás

Unha exposición mostra na antiga prisión traxes festivos da provincia, nos que se atopan varias pezas procedentes da comarca sarriá
Inauguración da mostra. PORTO
photo_camera Inauguración da mostra. PORTO

A mostra O traxe festivo da muller aldeán, nas terras de Lugo abriu este luns as súas portas na antiga prisión da vila sarriá e exhibe doce vestimentas de diversos puntos da provincia, entre as que se atopan varias pezas procedentes da comarca de Sarria. Esta exposición, que se pode visitar ata o sábado, está organizada polo grupo El Progreso e é un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta, en colaboración con Traxandaina e o Concello sarriao.

O horario de visitas vai desde as 9.30 ata as 14.00 horas, pero aquelas persoas que queiran acudir fóra deste horario poden concertar cita no número de teléfono 982.53.06.68.

Na mostra, que xa percorreu outras localidades de Lugo, encóntranse traxes que lucían mulleres de aldea "o día de feira, o domingo ou para casar", segundo explicou Teresa Astorgano, fundadora de Traxandaina xunto a Antón Sanjurjo. Son vestimentas que representan "zonas importantes do mundo xacobeo" e a comarca de Sarria ten unha destacada presenza na exposición.

Os visitantes atopan refaixos da zona ou mandís de Paradela. Desde Traxandaina dispoñen de "moitas" prendas da comarca e de todo o Camiño Francés, di.

Por exemplo, exhíbese un traxe da bisbarra de Sarria, co que o colectivo recibiu un premio no primeiro Certame de Vestimenta de San Froilán. Conta con prendas orixinais, como un refaixo do Incio, un pano de peito de percal, un pano de cabeza e un mostril de Sarria. Tamén está composto por reproducións, tales como un refaixo de Moscán (O Páramo) ou unha lenza de pano de Manán (Sarria). Desta última peza tamén se encontra na exposición a orixinal, a cal foi cedida pola veciña Verónica Quintela e pertenceu a súa bisavoa, Matilde Villar (1881- 1943), natural de Lezoce e que casou en Manán. Esta foi unha das primeiras prendas que recolleu Traxandaina coma obradoiro, recordou Astorgano. 

A mostra tamén exhibe un traxe con mantelo de pico de Sarria. Ademais, encóntrase vestimenta de voda dunha "muller rica de aldea". Un ten unha mantela atopada en Moscán e un refaixo dos primeiros que se fixeron mecanicamente, tal e como recolle a exhibición.

O acto inaugural da exposición contou coa asistencia da xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez; o alcalde, Claudio Garrido; o director comercial de El Progreso, José María Álvarez Vilabrille; a delegada deste xornal en Sarria, Ana Casanova; concelleiros e representantes de asociacións

Comentarios