Aprender sen fronteiras: dous alumnos de Mecatrónica fan prácticas en Alemaña

Elixiron o país por ser "punteiro" no seu ámbito
Pedro López e Miguel López, na empresa na que traballan en Baviera. EP
photo_camera Pedro López e Miguel López, na empresa na que traballan en Baviera. EP

Pedro López Vázquez e Miguel López Fernández, alumnos do ciclo superior de Mecatrónica Industrial do IES Gregorio Fernández de Sarria, non tiveron dúbidas á hora de completar a súa formación no estranxeiro. Grazas ao programa Erasmus+ realizan unha estadía de tres meses nunha multinacional de Baviera, en Alemaña, país que elixiron por ser "punteiro" no seu ámbito de coñecemento e sede dalgunhas "das mellores fábricas de electrónica ou automobilísticas", explican.

Os mozos chegaron á cidade de Kastl nos últimos días de abril para iniciar un período de prácticas na empresa Fliegl Agro-Center, adicada principalmente á fabricación de maquinaria agrícola e onde traballan "tanto de soldadores como en montaxe". Ambos amósanse "contentos" con esta experiencia, que durará ata finais de xullo e que confían en que lles será moi proveitosa para o seu futuro.

"Aquí todo é moi diferente, a grande escala", contan os rapaces, que se adaptaron sen problemas aos horarios do país." Entramos ás sete da mañá, comemos ás doce e saímos ás cinco" relatan. Por mor do covid, tiveron que presentar unha PCR negativa antes de empezar a traballar e adoptan medidas de prevención xerais como uso da máscara «durante toda a xornada e desinfección de mans á entrada e saída da quenda».

Pedro López, de 24 anos e de Baralla, e Miguel López, de 20 e natural de Sarria, aconsellan a todos os estudantes completar a súa aprendizaxe noutros países e comentan que para eles o idioma non supuxo un obstáculo ao comunicarse en inglés. "A xente adoita quedar o máis preto posible para facer as prácticas. Nós animamos a ir de Erasmus porque é unha experiencia moi boa, non teñen que ter medo, senón todo o contrario", afirman os rapaces, que cursaron un dos ciclos con máis saída laboral. "Polo xeral todo o mundo, se non queda na empresa na que fixo as prácticas, encontra traballo bastante fácil", din ambos, que xa recibiron algunha oferta máis.

No caso de Pedro, unha vez remate a tempada en Alemaña, non descarta incorporarse á filial desta mesma empresa en España. Tamén Miguel sopesa esta posibilidade, aínda que tamén lle tiran as enerxías renovables. De feito, tivo a oportunidade de traballar durante un tempo en Escocia nunha planta de enerxía mareomotriz, "eólicos baixo a auga", aproveitando a corrente marítima.

O programa Eramus+ ten como obxectivo mellorar a educación superior ofrecendo novas oportunidades aos estudantes. O IES Gregorio Fernández posúe a carta Eche, outorgada pola Comisión Europea, que permite solicitar estadías no estranxeiro para os seus alumnos e que vén de serlle renovada para o período 2021-2027.

Comentarios