Unha aposta pola vida no rural

A emprendedora Teresa López abrirá a partir do luns unha pensión de tres estrelas en San Salvador de Toldaos, un pequeno núcleo de Triacastela que ofrece natureza e "tranquilidade"
Teresa López Teijeiro, diante da casa na que se atopa a pensión chamada Os Prados da Albela.    VILA
photo_camera Teresa López Teijeiro, diante da casa na que se atopa a pensión chamada Os Prados da Albela. VILA

Teresa López Teijeiro naceu en San Salvador de Toldaos, un pequeno núcleo do concello de Triacastela formado por unha decena de casas. Aínda que a vida a levou por outros camiños, hai xa uns anos volveu ao seu lugar de orixe. Alí, rexenta unha explotación de gando de carne de raza limusina e, a partir do vindeiro luns, diversificará a súa actividade coa apertura dunha pensión de tres estrelas.

A súa é unha aposta clara polo rural, convencida do "privilexio" que supón vivir nesta contorna. Por iso, pón en marcha este proxecto coa intención de que "nós mesmos valoremos o que temos, que é unha riqueza, e poder transmitirlla aos demáis", ofrecéndolle aos hóspedes potenciais, sobre todo aqueles que residen nas cidades, un cóctel perfecto de natureza e "tranquilidade".

Debido á súa profesión de comercial farmacéutica, Teresa López fixou a súa residencia durante moitos anos noutros lugares de España e viaxou a miúdo polo estranxeiro, onde puido comprobar que a xente "valoraba moito" a desconexión que ofrece unha vida alonxada do asfalto e do tráfico.

A propietaria do negocio quere poñer en valor o medio rural dado que é "unha riqueza" da que "temos que estar orgullosos", asegura

No 2009 comprou en San Salvador unha casiña que fora duns familiares e dous anos despois regresou á parroquia para quedar. Uns meses antes de que saltara a pandemia xurdiu a idea de restaurar esta vivenda para abrir unha pensión. Como o proxecto xa estaba en mente, esta emprendedora aproveitou o confinamento para buscar un arquitecto que elaborase o deseño e solicitar os permisos.

Entre outras autorizacións, tivo que recabar o visto bo de Patrimonio da Xunta dado que o inmoble se atopa a menos de 200 metros da igrexa parroquial, que ten a súa orixe no século XII e que conserva no seu interior unhas pinturas pendentes de restaurar. A esta mesmo templo pertence unha Virxe Abrideira, das poucas que se conservan en Galicia, que data do século XIV.

AXUDA DO GDR. En outubro do pasado ano comezaron as obras de rehabilitación da casa, para as que lle foi concedida unha axuda duns 30.000 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, do que forma parte o municipio de Triacastela.

O núcleo de San Salvador atópase entre os montes Oribio, A Meda e Albela, que lle dá nome á casa

Os traballos permitiron acondicionar unha pensión que recibiu tres estrelas e que consta de dúas habitacións dobres con baño e unha zona común con cociña, salón-comedor e aseo, espazos distribuidos en dous andares que suman arredor de cen metros cadrados. A maiores, a casa ten un soportal, un xardín con barbacoa e unha zona para estacionamento de vehículos. Tanto a calefacción como a auga quente son por aerotermia, explica a propietaria.

ORIXE DO NOME. Abrirá a partir do día 15 co nome de Os Prados de Albela, denominación que para Teresa López ten moito significado. Segundo conta, o lugar de San Salvador está situado entre tres montes: Oribio, A Meda e Albela. Neste último, seu avó tiña uns prados aos que acostumaba ir coas vacas e nos que unha pequena construción lle permitía resgardarse das inclemencias meteorolóxicas. Esa cabana, que a Teresa lle gustaría restaurar nun futuro non lonxano, inspira agora o logotipo da súa pensión, cuxo nome pretende ser unha homenaxe aos antepasados e un recordo para as futuras xeracións.

O aloxamento, pensado para unha familia con nenos ou un grupo de catro persoas, atópase nun núcleo de nove casas, das que só dúas están habitadas a diario. Para a súa dona, un dos puntos fortes é a "tranquilidade" que ofrece e a "desconexión". "A min sempre me gustou a relación coa xente e pensei en ofrecerlles a outros o que a min me fai desfrutar. Creo que temos que estar orgullosos do rural e considerarnos uns privilexiados", comenta Teresa.

Esta veciña aposta pola vida no campo sen ter que renunciar por iso aos servizos das cidades. Neste sentido, lembra que Triacastela, que se atopa a só catro quilómetros de San Salvador de Toldaos, ofrece unha gran cantidade de recursos malia ser unha pequena vila de montaña grazas á importancia do Camiño de Santiago.

Coa apertura desta pensión, Teresa López busca compartir esta contorna cos amantes da natureza e contribuír a dárlle ao mundo rural o valor que lle corresponde.

Comentarios