lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

O antigo regresa con máis forza

Público nun dos 28 expositores da da Feira de Antigüidades e Restauración de Sarria. VILA
Público nun dos 28 expositores da da Feira de Antigüidades e Restauración de Sarria. VILA
Visitantes de toda Galicia e mesmo doutras comunidades acoden á feira de Sarria, que celebra as vodas de prata con bo nivel de vendas

Miles de obxectos que evocan outras épocas encheron este sábado a Rúa Porvir de Sarria conformando unha estampa que non se vía na localidade desde 2019. O retorno da Feira de Antigüidades e Restauración tras o paro obrigado polo covid demostrou de novo o poder de convocatoria dunha cita que cumpre nesta edición as súas vodas de prata e que atraeu a un público procedente de varios puntos de Galicia e doutras comunidades como Castela ou Asturias.

As catro anticuarias de Sarria (dos establecementos Manuel Calzada, Echevarría, Porvir 39-Carmen Rodríguez e Lola Ribeira) foron as encargadas, xunto co alcalde, Claudio Garrido, de cortar a cinta inaugural deste 25 aniversario. A partir dese momento, os 28 expositores de antigüidades e coleccionismo recibiron un fluxo continuo de visitantes, animado polo bo tempo que acompañou durante toda a xornada.

undefined
As catro anticuarias de Sarria e o alcalde cortaron a cinta inaugural da feira. VILA

Segundo explicaron as profesionais sarriás do sector, foron moitas as personas que se achegaron ata a vila dende outros lugares para coñecer a oferta de antigüidades. E viñeron non só para ver, senón dispostas a mercar, de aí que a primeira xornada da feira se pechase cun bo nivel de vendas.

A pandemia de covid provocou un cambio nas preferencias da xente, de modo que cada vez son máis os que se decantan por comprar ou restaurar casas. Estes novos propietarios son público obxectivo do sector das antigüidades, tal e como se constatou onte, xa que unha gran parte dos obxectos e mobles adquiridos en Sarria durante a feira están destinados a lucir neses futuros fogares.

Entre o público contábanse tamén veciños da vila e peregrinos. Foi o caso dun grupo de Canarias que percorreu os postos con grande interese, sorprendido pola cantidade e variedade de pezas que se poden atopar. "Haría falta estar un día entero", comentaron.

undefined
Actuación musical na feira. VILA

No recinto houbo, ademais, exposición de bonsais de El Serbal, talla en madeira de Sarricanta, cerámica de Manuel Fernández Lolo, costura creativa de Aurora Rodil e bolillos da Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago. Todos eles ofreceron, a maiores, demostracións do seu traballo nunha xornada animada polo grupo de gaitas de Peleriños.

Coincidindo con este vixésimo quinto aniversario, a Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración, organizada polo Concello coa colaboración das anticuarias, estreou nova data, xa que nos anos anteriores viña celebrándose o primeiro fin de semana de abril.

Tanto a concelleira de festas, Geni Valcárcel, como profesionais do sector consideraron acertado o cambio para o mes de maio, que en principio vén para quedar.

A feria continúa este domingo, animada por Meigas e Trasgos. Pode visitarse de novo en horario continuo de once da mañá a oito da tarde.

O antigo regresa con máis forza
Comentarios